Ir o contido principal

Alumnado de posgrao de Ciencias Económicas e Empresariais participa estes días no Congreso da Asociación de Fabricantes e Distribuidores

Alumnado de posgrao da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais participan este mércores 24 e o xoves 25 no congreso que Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) organiza en Barcelona dedicado ao liderado en tempos de incertidume. O estudantado compostelán participa a través de videoconferencia no Salón de Graos do centro podendo deste xeito seguir as intervencións de importantes representantes do mundo empresarial e académico. O Congreso AECOC é punto de encontro para os máis de 1.000 empresarios e altos directivos das principais empresas da fabricación e a distribución. En tres xornadas de traballo, do martes ao xoves, o alumnado compostelá poderá seguir as intervencións dos máis altos directivos de empresas como Saatchi&Saatchi Worldwide, Ikea Ibérica, Pepsico Ibérica, Grupo Día, Orangina Schweppes ou Nestlé, así como a José M. González-Páramo, membro do Comité Executivo do Banco Central Europeo (2004-2012). Convenio entre a USC e AECOC O alumnado de Ciencias Económicas e Empresariais participa por vez primeira neste congreso grazas ao convenio de colaboración asinado entre a USC e AECOC para o desenvolvemento dun proxecto formativo que facilite a incorporación ao mundo profesional de futuros/as profesionais cun coñecemento previo sobre a realidade empresarial, as súas necesidades e ferramentas de eficiencia. A través deste proxecto, AECOC e as súas compañías asociadas mostrarán ao colectivo universitario as vantaxes que a utilización dos estándares e boas prácticas que a Asociación impulsa en España achegan ao aumento da competitividade das empresas grazas ao incremento da eficiencia e ao aforro de custes innecesarios. Con cerca de 25.000 compañías, AECOC é unha das principais asociacións empresariais do país e a única que agrupa a fabricantes y distribuidores. Xuntas, as súas compañías asociadas representan o 20% do PIB nacional. A Asociación é a única representante en España de GS1 –organización mundial líder no desenvolvemento de estándares comerciais e de negocios-. AECOC promove en España a utilización de estándares como o código de barras, a factura electrónica EDI ou o chip EPC de identificación por radiofrecuencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2012.