Alumnado da sección de Francés do Centro de Linguas Modernas da USC completan a súa formación cunha viaxe a Normandía
A sección de Francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) organiza estes días unha viaxe lingüística a Francia, dentro da programación de actividades culturais do Centro o que complementará a aprendizaxe de aula e permitirá ao estudantado practicar o idioma dun xeito natural ao tempo que se favorece o coñecemento da cultura francófona. Nesta ocasión, a viaxe achegará aos universitarios a Normandía, ás paisaxes do Cotentin e os tesouros medievais, así como ás praias do desembarco acontecido durante a segunda Guerra Mundial. Estas viaxes de inmersión cultura e lingüística son unha iniciativa iniciada hai 15 anos e que se veñen desenvolvendo regularmente na época de Semana Santa. As coordinadoras da sección Christine García, en Santiago, e máis tarde Martázul Busto, en Lugo, iniciaron esta iniciativa en 1998 cunha primeira excursión á rexión Midi-Pyrénées. Dado o grande éxito que tivera daquela, sucedéronse outras con máis de 45 alumnos de cada vez a Bretaña, Provenza, París, Périgord, Auvergne, Iparralde ou Lozère, entre outros destinos.