Ir o contido principal

Alumnado de secundaria e Bacharelato coñecerán a entulleira das Pontes como exemplo de restauración ambiental

De esquerda a dereita Agustín Merino, Begoña Muñoz, Román Rodríguez, Juan Viaño, Juan Carlos Alonso e Manuel Corredoira
De esquerda a dereita Agustín Merino, Begoña Muñoz, Román Rodríguez, Juan Viaño, Juan Carlos Alonso e Manuel Corredoira
A USC, Endesa e a Xunta de Galicia asinaron un acordo para o desenvolvemento deste proxecto de posta en valor

O reitor Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora de proxectos da Fundación Endesa, Begoña Muñoz de Verger; e o director de Minería de Endesa Generación, Juan Carlos Alonso, asinaron este mércores un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto educativo medioambiental a través do que alumnado e persoal docente recibirá cada ano formación sobre a restauración dos espazos que albergaron explotacións mineiras.

O proxecto medioambiental dividirase en tres fases. Na primeira delas, a USC elaborará o material preciso para a formación do profesorado, tanto presencial como en liña, en eidos como os sistemas acuáticos e humedais, a re vexetación, a fauna ou o papel do chan nos espazos mineiros restaurados, tomando como referencia dun caso real o da entulleira das Pontes. Así mesmo, elaborarase unha guía didáctica deste espazo mineiro restaurado e cadernos de campo para as posteriores visitas do alumnado.

A colaboración da USC na preparación destes contidos enmárcase no labor que xa teñen desenvolvido en materia de educación ambiental e mesmo na propia restauración deste espazo mineiro. Na segunda das fases formarase a docentes de secundaria e bacharelato - 20 cada ano- cos devanditos materiais. Esta formación será recoñecida pola Consellaría de Cultura e Educación dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado.

Para Juan Viaño o das Pontes é un exemplo de “restauración exemplar” que puxo de manifesto o compromiso da empresa enerxética pola sustentabilidade ambiental. Coa sinatura deste convenio, “ese compromiso aumenta ao apuntar tamén cara a formación, a divulgación e a investigación”. O documento asinado, engadiu o reitor, “permite a posibilidade de traballar os contidos científicos para poder vincular os coñecementos teóricos aos prácticos analizando problemas ambientais reais que foron solucionados durante a restauración”.

Visitas de campo
Deste proxecto de colaboración beneficiaranse un mínimo de 400 alumnas e alumnos de secundaria e Bacharelato de toda Galicia anualmente. O estudantado poderá percorrer a mina restaurada das Pontes e realizar traballos de campo sobre a recuperación, a flora ou a fauna da man do profesorado formado con anterioridade.

O obxectivo é aproveitar esta contorna para concienciar ao alumnado da importancia dos ecosistemas e da biodiversidade para o funcionamento da sociedade. Así mesmo, aprenderán como un espazo moi afectado pola instalación dunha explotación mineira, pode ser restaurado ata o punto de recrear nel hábitats cun bo grao de naturalidade. Neste sentido, a singularidade da obra de restauración e os diferentes ambientes que alberga fan da entulleira das Pontes un espazo ideal para o estudo e o traballo de campo, tanto do alumnado como do profesorado.

Endesa Generación é a propietaria da entulleira das Pontes, construída no val do río Almigonde ao longo de máis de 50 anos de actividade mineira, mediante a acumulación dos estériles procedentes da explotación de lignito ecinzas da central térmica. Ocupa unha superficie de 1.150 hectáreas e a súa restauración foi iniciada en 1985 co obxectivo final de xerar unha cuberta vexetal autosostible que se integrase na contorna natural.

Na actualidade, esta entulleira é unha das fincas con maior diversidade de Galicia, tendo sido colonizada de forma natural por máis de 200 especies de vertebrados o que a converte nun exemplos de responsabilidade corporativa, crecemento sostible e protección do medio ambiente existente en Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2017.