Ir o contido principal

Alumnado de secundaria coñece de primeira man os beneficios da dieta atlántica

A primeira das visitas correspondeu aos 40 alumnos de 1º de bacharelato do IES Rosalía Mera de A Coruña
A primeira das visitas correspondeu aos 40 alumnos de 1º de bacharelato do IES Rosalía Mera de A Coruña
A Fundación Dieta Atlántica da USC e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, en colaboración co Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), impulsan un programa para concienciar sobre a importancia da alimentación saudable
Santiago de Compostela

Concienciar sobre a importancia da alimentación saudable os futuros xestores hostaleiros e cociñeiros é o obxectivo do programa de visitas que organizan a Fundación Dieta Atlántica da USC e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, en colaboración co Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG). Trátase de dar a coñecer os valores do estilo de vida atlántico, o patrón alimentario característico, os seus principais produtos, o seu valor nutricional, ou formas de cociñado, para poder trasladalos ao sector hostaleiro en todos os seus ámbitos de actuación.

Os  destinatarios desta acción, enmarcada na liña de alimentación e saúde do Programa Xacobeo 2021-22 da Xunta de Galicia, son alumnos de Bacharelato e Formación Profesional de diferentes institutos galegos, que durante os próximos meses visitarán o Centro, asistirán a unha sesión informativa sobre ‘Alimentación Saudable e Dieta Atlántica’, de man de especialistas neste estilo alimentario, e participarán nun taller de cociña, con degustación posterior, de pratos elaborados seguindo os criterios atlánticos. A primeira das visitas correspondeu aos 40 alumnos de 1º de bacharelato do IES Rosalía Mera de A Coruña.

“A Dieta Atlántica comprende un conxunto de hábitos alimentarios e estilo de vida que une os territorios de Galicia e o Norte de Portugal e cuxas claves se basean no abundante consumo de peixes, lácteos e produtos de frescos, técnicas culinarias sinxelas e a mellor forma de conxugar unha comida pracenteira e a compañía de familia e amigos”, resume a profesora da USC, Rosaura Leis. Engadindo tamén que este patrón de alimentación é un “modelo sostible desde o punto de vista ambiental, xa que posúe unha das pegadas de carbono máis baixas de Europa”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2022.