O alumnado terá este mércores unha nova oportunidade para realizar as probas de nivelación do CLM

Todas as persoas interesadas en cursar estudos no Centro Linguas Modernas da USC (CLM) nunha lingua da que xa posúan coñecementos previos mais non teñan o nivel asignado polo CLM nin pola EOI no último ano, terán unha nova oportunidade de realizar a proba de nivelación este mércores 17. O único requisito para tomar parte nos cursos é ter como mínimo 16 anos de idade. Os estudantes poderán recibir por este cursos créditos académicos segundo a normativa da USC vixente e acreditar o coñecemento dun idioma segundo os niveis do MECR. Os lugares e horas de celebración están dispoñibles na web. O CLM manterá aberto o prazo de matrícula na súa programación de cursos para o presente exercicio académico 2014-2015 ata o vindeiro 26 de setembro, agás no caso dos cursos de español como lingua estranxeira que posúe un calendario propio específico. Oferta docente A principal novidade nesta nova convocatoria vén dada pola ampliación dos cursos semestrais de 40 horas de duración que se celebrarán en Compostela, onde tamén se impartirán cursos de alemán, francés e italiano, ademais doutros programas xa consolidados na súa oferta, como o son os cursos de chinés, danés, lingua de signos, catalán, checo, portugués, ruso e xaponés. A programación de cursos de idiomas de carácter semestral en Lugo mantén para o vindeiro ano académico a oferta de cursos de inglés e portugués. Polo que respecto aos cursos anuais de 80 horas de alemán, francés e inglés a oferta esténdese por igual aos dous campus, coa particularidade de que en Santiago tamén oferta italiano. O Centro de Linguas Modernas da USC, que o vindeiro ano 2015 celebrará o 40 aniversario da súa función como instituto de idiomas, mantén tamén na súa programación académica cursos semestrais de galego para non galegofalantes tanto en Lugo como en Santiago. A oferta académica do CLM da USC completase cun amplo abano de cursos intensivos, semi-intensivos e semestrais de español como lingua estranxeira (ELE), cursos de cultura e literatura e con cursos de preparación para o DELE B2 e C1. Así mesmo, impartirase un curso semi-presencial de preparación para os exames de catalán do Instituto Ramón Llull e a inclusión dun curso de euskera na convocatoria de verán para 2015.