O alumnado da USC xa pode solicitar a súa certificación académica en formato electrónico
O alumnado xa pode solicitar a certificación académica dos seus estudos universitarios oficiais na Universidade de Santiago a través do seu dispositivo sen desprazarse a ningunha oficina. A petición e o pagamento poderá realizalos dende a súa secretaría virtual, onde en moi pouco tempo terao asinado electronicamente coa opción de poder imprimilo e gardalo en formato dixital.
Esta certificación electrónica supón unha maior inmediatez xa que agora é posible acceder e descargar en formato dixital o documento dende a secretaría virtual do alumno. Igualmente, a certificación contará cunha ligazón á sede electrónica da USC onde estará dispoñible permanentemente accedendo co código seguro de verificación (CSV).
Validez e seguridade
O documento é válido para presentar ante calquera institución, organismos ou empresa como acreditación dos estudos cursados na USC, e é verificable na sede electrónica universitaria co CSV. Polo que respecta á seguridade, as certificacións académicas con sinatura electrónica son documentos seguros e verificables polo que xa non será necesario compulsalos, procedemento que se simplifica a través do código seguro de verificacións, o cal permite comprobar o documento en web.