Ir o contido principal

O alumnado voluntario contra a COVID-19 entrega preto de 200 kits hixiénicos a persoas en risco de exclusión

O participante no programa acaba de entregar preto de 200 bolsas. FOTO: Santi Alvite
O participante no programa acaba de entregar preto de 200 bolsas. FOTO: Santi Alvite
As persoas usuarias do Albergue Juan XXIII de Compostela recibiron por parte desta iniciativa impulsada dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, bolsas integradas por tres máscaras faciais e un bote de xel sanitizante
Santiago de Compostela

O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19, unha proposta da USC para promover medidas e actuacións que favorezan a sensibilización de cara ao cumprimento dos protocolos fronte á pandemia, acaba de dar un novo paso ao impulsar unha campaña para favorecer que as persoas en risco de exclusión dispoñan de material hixiénico contra o coronavirus. Neste senso, o alumnado participante no programa acaba de entregar preto de 200 bolsas —integradas, cada unha delas, por tres máscaras faciais e un bote de xel sanitizante—, ás persoas usuarias dos servizos do albergue Juan XXIII de Santiago de Compostela.

“Os kits foron repartidos entre os usuarios dos servizos do albergue para favorecer que persoas en risco de exclusión e con poucos recursos podan levar adiante as normas hixiénicas durante o día a día”, apuntan dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC. “A campaña de recollida foi unha experiencia piloto que continuará durante o resto do ano académico tratando de implicar a máis colectivos da comunidade universitaria, para permitir que as persoas en risco de exclusión podan desenvolver correctamente conductas hixiénicas”, engaden. O alumnado tamén fixo entrega de mantas ás persoas usuarias do albergue.

Iniciativa pioneira

O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. “Trátase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización”, apuntan dende o SEPIU. Esta campaña de entrega de kits hixiénicos conforma un paso máis na intención da USC de velar polo adecuado cumprimento das medidas para paliar os efectos da pandemia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2020.