Ir o contido principal

Alumnos da Aula de Práctica Empresarial da USC visitan o edificio CACTUS de Lugo

Vintecinco estudantes de diferentes titulacións e do Curso de Especialización en Economía e Xestión de Innovación da USC visitarán este mércores 7 as instalacións do edificio CACTUS do Campus de Lugo, dentro do programa formativo Aula de Práctica Empresarial (APE) da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora. A visita, organizada por Uniemprende e a Cátedra Bancaja, comeza ás 10:30 horas e levará tamén aos universitarios ao Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello de Lugo e aos viveiros da Fundación CEL.
A Aula de Práctica Empresarial céntrase no desenvolvemento de habilidades profesionais, directivas e sociais que permitan aos universitarios adquirir as competencias máis demandadas no mundo laboral, tratando de engadir valor aos seus currículos académicos e mellorando a súa empregabilidade, sexa fronte á busca do primeiro emprego, como contratados por conta allea ou como creadores do seu propio proxecto empresarial.
Este programa, que conta con máis de trinta estudantes inscritos, ten un carácter eminentemente práctico, incorporando conferencias abertas relacionadas coa temática do emprendedor, obradoiros formativos e actividades externas como as visitas a empresas e outras entidades relevantes no eido laboral e de investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2010.