Alumnos de bacharelato participan na USC nun simulacro profesional de física de partículas
A Facultade de Física da USC acolle un ano máis a master-class ‘Física de partículas coas mans’ destinada a estudantes de bacharelato. Na xornada, que terá lugar o vindeiro 7 de marzo, crearase para os participantes un simulacro de actividades científicas profesionais sobre física de partículas. O prazo para inscribirse remata este venres, día 29.
O evento abrirá cunha serie de conferencias sobre a situación actual da física de partículas e ofrecerá unha práctica por ordenador realizada en grupo. Desta actividade xurdirán unha serie de resultados que se discutirán mediante videoconferencia con outros centros europeos que simultaneamente están a celebrar unha xornada idéntica.
Organizada polo Departamento de Física de Partículas da USC en colaboración coa Sociedade Europea de Física e a Organización Europea para a Investigación Nuclear, a sesión académica contará cun máximo de 50 estudantes interesados na ciencia e con coñecementos de inglés.