Ir o contido principal

Alumnos da Escola de Formación do Profesorado de Lugo expoñen no Museo Provincial os seus traballos de clase

O Museo Provincial de Lugo abre este martes, ás 20:00 horas, a exposición ‘Zero en conducta’, composta polos traballos realizados polos alumnos da Escola de Formación do Profesorado de Lugo durante os cursos académicos 2006-07 e 2007-08.
A mostra, que poderá visitarse ata o 10 de xullo, forma parte dun proxecto que pretende dar visibilidade ás voces dos alumnos en relación con aspectos que foron excluídos do sistema educativo pero que son decisivos na construcción da identidade, tanto persoal como profesional: as historias de vida e os conflitos que as marcan.
O profesor de Lugo Vicente Blanco foi o encargado de por en marcha esta iniciativa, que xurdiu como unha experiencia alternativa para a aula, traballando dende a arte e a educación de cara a sociedade.
O conflito convértese no eixe central de todos os traballos, onde cada alumno utiliza a arte como unha ferramenta da que se vale, non para atopar unha solución, senón para decatarse da existencia de conflitos nos que non se tiña reparado antes, nas desigualdades estruturais do contorno que condicionan a vida de forma inconsciente.
A falta de motivacións, a ruptura da amizade, a ausencia de vocación, a indecisión, a crítica ás institucións educativas e familiares, o futuro laboral incerto son algúns dos aspectos que abordan estas obras. Trátase de cuestións que parten dunha problemática particular para desembocar noutras de carácter máis xeral, de tal forma que poidan ser reinterpretadas polo espectador en función das súas vivencias persoais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2008.