Alumnos do IESP Fontem Albei participan este venres na xincana alimentaria organizada pola APL da USC na Fonsagrada
A Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela celebrará este venres, día 21 de xuño unha xincana alimentaria con códigos QR polas rúas do núcleo urbano da Fonsagrada na que participarán estudantes do IESP Fontem Albei de A Fonsagrada.
Esta actividade lúdica e formativa, que servirá de peche dos actos desenvolvidos ao abeiro da campaña ‘A Ciencia dos Alimentos’, promovida pola Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela coas achegas recibidas do Programa de Cultura Científica e da Innovación, pode desenvolverse na Fonsagrada grazas ao apoio recibido de distintos establecementos comerciais así como das entidades locais. Os participantes nesta xincana con códigos QR recibirán unha mochila de explorador con todo o material necesario para superar as diferentes probas a fin de conseguir desentrañar unha receita misteriosa que faga posible chegar á meta. Un pergamiño, un mapa, códigos QR e chaves misteriosas será os elementos dos que dispoñan os participantes, que deberán desenvolver distintas probas relacionas co mundo alimentario.
Os organizadores desta novidosa cita coa que se pretende espertar o interese dos estudantes preuniversitarios polo mundo da alimentación, sortearán catro ‘tablets’ entre os equipos gañadores. Os premios están financiados pola empresa Innolact SL. Asemade, todos os participantes serán agasallados cun lote de produtos e co pertinente diploma de participación.