Ir o contido principal

Alumnos do Máster en Enxerías Renovables e Sustentabilidade buscan espallar o uso da enerxía solar, eólica e da biomasa

Os alumnos da primeira edición do Máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética da USC, acaban de presentar os seus traballos Fin de curso na Facultade de Física en temas directamente relacionados coas enerxías solar, eólica e biomasa, así como sobre sustentabilidade.
Así, entre as propostas atópanse varios proxectos dedicados á medida de recurso eólico en varios concellos galegos ou á avaliación enerxética dun parque eólico offshore. No eido da enerxía solar, ademais dun proxecto de cooperación tecnolóxica para un albergue infantil en Bolivia, presentáronse diversos estudos de I+D en paneis fotovoltaicos amorfos así como proxectos de aplicación de fotovoltaica en tellado para granxas e naves industriais.
Tamén a biomasa está presente entre as propostas de fin de curso. Neste eido, os proxectos centráronse no estudo de purificación de biogás en pilas de combustible, estudos de novos biolubricantes e xestión de residuos no concello de Brión. Para rematar, no apartado de sustentabilidade e autoxestión, presentáronse diversos proxectos entre os que cabe destacar auditorías ambientais e cualificacións enerxéticas de edificios públicos. Neste caso, un interesante proxecto avalía o edificio do Parlamento de Galicia.
De xeito paralelo, os alumnos da segunda edición do mesmo máster preparan xa traballos centrados na materia de Aplicacións Fotovoltaicas. Trátase de estudos de viabilidade de proxectos aplicados ao medio rural galego, a transferencia tecnolóxica no campo da cooperación exterior e a arquitectura bioclimática no casco histórico de Santiago de Compostela.
O traballo de campo de aplicación sobre o rural galego, desenvolverano dous proxectos de granxas sostibles, unha porcina de nais de cría e unha vacúa de produción láctea. Ademais estase desenvolvendo un proxecto piloto sobre auto abastecemento enerxético para núcleos rurais illados.
No campo da Cooperación, prepáranse dúas propostas que profundarán no desenvolvemento dunha instalación mixta solar térmica e fotovoltaica para unha escola rural de Mendoza (Arxentina) que dará servizo a uns 40 nenos nunha zona volcánica en Pampa Amarela. O segundo proxecto desenvolve unha experiencia piloto para unha depuradora compacta de fácil transporte e con alimentación fotovoltaica, para zonas deprimidas e illadas ou de difícil acceso. Estase desenvolvendo, para zonas de Piura en Perú, e comunidades indíxenas da Selva do Orinoco. En todos os casos os proxectos levan asociados talleres de formación para grupos sociais en desenvolvemento.
Para rematar, prepárase un proxecto de aplicación fotovoltaica no casco histórico de Santiago. Neste caso o reto é adecuar a tecnoloxía e estética das renovables coa pureza arquitectónica do casco histórico. Neste caso, exponse substituír as paredes de vidro do invernadoiro planificado no edificio do antigo Banco de España de Santiago de Compostela por paneis fotovoltaicos translúcidos de capa delgada capaces de alimentar un sistema domótico para o futuro Museo de Peregrinacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2009.