Alumnos do Máster de Neurociencia achéganse aos máis pequenos na Semana do Cerebro
Alumnos de segundo curso do Máster de Neurociencia realizarán do 10 ao 14 de marzo en centros de educación infantil, primaria e secundaria un conxunto de actividades didácticas coas que explicar o funcionamento do cerebro e o sistema nervioso aos rapaces de entre 3 e 15 anos.
Con motivo da Semana do Cerebro, a iniciativa fomentará actitudes positivas como o respecto polas persoas que pensan de forma distinta ou con problemas mentais. Tamén se ensinarán as accións que deterioran a capacidade mental recalcando, así, a importancia de durmir ben, ter horarios estables e non consumir substancias nocivas.
Entre os alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria traballarase nos efectos do alcol e as drogas. En todas as explicacións, os expertos da USC profundarán nas diferenzas entre o funcionamento normal do sistema nervioso e a súas alteracións.
Distintas actividadesAs actividades adaptaranse á idade do público perseguindo distintos obxectivos. Por iso, os exercicios para os nenos de 3 e 5 anos mostran as partes do corpo diferenciando os sentidos, cerebro e órganos efectores e a relación entre recibir unha sensación, procesala e realizar unha acción.
Para os alumnos de primeiro e segundo de primaria, as actividades profundarán no sistema nervioso, para os de terceiro e cuarto repasarán o cerebro, o sistema nervioso central e periférico xunto cos actos voluntarios e reflexos e, para os de quinto e sexto, crearanse divertidas tarefas sobre o cerebro e as neuronas.
Cos estudantes de primeiro e segundo de Educación Secundaria Obrigatoria falarase do sistema nervioso, neuronas, sinapses, actos reflexos e voluntarios e circuítos nerviosos. Finalmente, os rapaces de quinto e sexto aproximaranse á Neurociencia, aos efectos das drogas e aos mitos e crenzas erróneas do sistema nervioso humano.
Organizado polas tres universidades galegas, o Máster de Neurociencia está destinado a expertos no eido que desexan profundar nas actuais técnicas experimentais e posuír un grao de especialización na materia, entre outros fins.