Alumnos do Máster Terra da USC expoñen este venres as vantaxes da agricultura urbana para as cidades
Os alumnos do Máster en Xestión da Terra e do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela que participaron nun obradoiro sobre sistemas alimentarios locais desenvolvido en colaboración coa universidade holandesa Van Hall Larenstein expoñerán este venres, 15 de febreiro, a partir das 19.00 horas, no Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño sito no paseo do río Rato, as vantaxes que pode reportar a agricultura urbana para as cidades.
Os 17 titulados españois que tomaron parte xunto con outros nove universitarios holandeses neste obradoiro internacional, estudaron durante unha semana os sistemas alimentarios locais en Lugo. Os alumnos do Máster en Xestión da Terra e do Territorio da USC completaron no marco deste obradoiro distintas visitas a zonas de interese, ao tempo que realizaron entrevistas a axentes locais, coa pretensión de recadar información de cara a elaborar e deseñar escenarios futuros tendo en conta as consideracións económicas e sociais. A presentación das conclusións do traballo desenvolvido neste obradoiro sobre sistemas alimentarios locais polos alumnos do Máster Terra da USC servirá tamén para lembrar como a agricultura urbana foi empregada con éxito en numerosas cidades para recuperar con éxito espazos degradados. Este tipo de actuacións posibilitaron tamén a creación de novas oportunidades de emprego, ao tempo que serviron para fortalecer a economía local, así como para desenvolver programas de inserción e dinamización social e incluso para mellorar a xestión de residuos. Os sistemas alimentarios locais xorden, segundo sosteñen os profesores da Universidade de Santiago de Compostela que participaron, coordinaron e supervisaron o desenvolvemento deste obradoiro, para facer fronte aos riscos que os mercados de alimentos e a agricultura industrializada impoñen sobre a seguridade e a soberanía alimentarias a nivel local. A promoción da produción e da comercialización de alimentos a nivel local mediante o uso de recursos propios contribúe, neste senso, a facer unha rexión moito máis resistente ás flutuacións dos mercados e menos dependente da importación de materias primas, afirman. O coordinador do obradoiro internacional sobre sistemas alimentarios locais desenvolvido no marco do programa formativo do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC, o profesor Andrés García, acompañará aos alumnos no transcurso do acto de presentación e difusión dos resultados deste traballo. Unha vez rematadas as presentacións, promoverase a celebración dun debate aberto co público asistente, coa pretensión de analizar e reflexionar sobre as ideas expostas e os seus posibles beneficios para a cidade de Lugo.