Alumnos do obradoiro da Aula de Produtos Lácteos deseñan un catálogo pioneiro de primeiros auxilios de consulta en móbil e PDA
A Aula de Produtos Lácteos (APL) de Lugo presentou este venres unha guía de primeiros auxilios para accidentes laborais de consulta a través de móbil de terceira xeración e PDA elaborada polos alumnos do seu terceiro obradoiro de emprego da APL.
O proxecto supón unha innovación no uso da telefonía móbil para a prevención de riscos, xa que é a primeira iniciativa deste tipo que existe en España. Está xa en servizo na dirección www.riscoslaborais.net/movil en castelán e a próxima semana xa poderá consultarse tamén en galego.
Trátase dunha guía de fácil manexo na que se poden atopar de forma clara e sinxela as accións que se deben realizar para atender a feridos en accidentes laborais de calquera tipo e gravidade.
Segundo explicou o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, “esta nova tecnoloxía que se presenta hoxe abre a porta para a inclusión doutro tipo de contidos nos móbiles fóra do habitual de ocio e dálle significado ao termo m-learning”.
Este estudo en prevención de riscos queda ampliado pola creación do portal web sobre primeiros auxilios e sobre os riscos de maquinarias e instalacións comúns e máis frecuentes nas industrias agroalimentarias, así como na elaboración dun cd interactivo no que se identifiquen, analicen e propoñan as medidas preventivas para o uso desa infraestrutura.
Clausura do obradoiroA vicerreitora adxunta de Infraestruturas e servizos, Celia Besteiro, e o delegado da Consellaría de Traballo, Miguel Vázquez Calvo, asistiron á clausura deste obradoiro de emprego, que leva o nome @PL3, que estivo financiado pola Consellaría de Traballo e o Fondo Social Europeo e no que participaron durante un ano 40 persoas.
O obxectivo destes obradoiros é a incorporación laboral dos alumnos ao mesmo tempo que adquiren a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral coas suficientes garantías de atopar un posto de traballo por conta propia ou allea.
Os participantes reuníronse en tres liñas de traballo. Unha delas foi a elaboración desta guía de primeiros auxilios, aínda que tamén se levou a cabo o proxecto ‘Máis leite, máis saúde’. Co obxectivo de fomentar o consumo de leite e os seus derivados entre os pequenos da casa, elaboraron distinto material, tanto técnico, como impreso e electrónico con información científica sobre a importancia dos produtos lácteos para a saúde humana, ademais da creación dun portal web, un cd interactivo e dous vídeos para a difusión das avantaxes do leite. Organizaron tamén as xornadas formativo-divulgativas na APL.
O terceiro proxecto foi a creación de catro cursos de teleformación de salubridade medioambiental nas industrias lácteas e salubridade das produccións artesanais, no que se abordaron distintos contidos como o lactosoro, o leite en po e productos desecados ou elaboración de queixo artesán e iogur artesán.
Estes cursos instalaranse na plataforma de teleformación creada polos obradoiros de emprego @PL e @PL2, e contarán con guías didácticas, tarefas, exercicios e probas de avaliación.
Durante o ano que durou o curso, os 40 participantes recibiron formación complementaria sobre empregabilidade, técnicas de busca de emprego, formación en seguridade e saúde laboral, e módulos de igualdade de xénero, sensibilización medioambiental e alfabetización informática.