Ir o contido principal

Os alumnos de terceiro ciclo de Ciencias da Educación intercambiarán as súas investigacións nun congreso

A celebrar no Campus de Santiago entre o 16 e o 18 de abril

O alumnado de terceiro ciclo de Ciencias da Educación das tres Universidades galegas exporá a vindeira semana nun congreso as súas experiencias e investigacións. Coa iniciativa dos investigadores da USC trátase de crear un espazo aberto para a promoción, o intercambio e a discusión dos traballos desenvolvidos nas diferentes áreas de coñecemento do ámbito educativo.
Ao I Congreso de Investigadores/as de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación, que se celebrará entre o 16 e o 18 de abril en Santiago, asistirán recoñecidos conferenciantes no eido da educación, os vicerreitores de investigación das universidades galegas e responsables da promoción científica da Consellaría de Educación.
Os organizadores pretenden tamén fomentar a cooperación entre os investigadores das diferentes áreas e reforzar o recoñecemento dos seus estudos como motor de desenvolvemento da sociedade actual “cara á mellora da realidade educativa e social”. Por outra banda, no congreso divulgarase a oferta existente en canto aos recursos e posibilidades económicas de axuda e financiamento para a investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2008.