Ir o contido principal

Alumnos de Turquía, Polonia e Noruega participan este xoves na residencia Bal y Gay nos encontros semanais entre os estudantes internacionais

Os Encontros entre estudantes internacionais (International Students Meetings) continuarán este xoves 17 no salón de actos da residencia de estudantes Bal y Gay, organizados pola Oficina de Relacións Exteriores do Campus de Lugo para a dinamización e fomento da mobilidade entre os universitarios.
Esta actividade, que ten lugar todos os xoves do mes de abril ás 21:00 horas, consiste en diferentes presentacións nas que os estudantes estranxeiros darán a coñecer os aspectos da vida cotiá dos seus países, así como información xeral das súas universidades.
Estes encontros están promovidos polos propios estudantes e constitúen unha oportunidade para o diálogo aberto entre o alumnado estranxeiro e os estudantes e profesores do Campus lugués, o que favorece o intercambio de experiencias e valores.
Na reunión de mañá participarán cinco estudantes. En primeiro lugar falará Sinan Kandir, da Selcuk University de Turquía, seguido das polacas Katarzyna Gozdziewska e Agnieszka Anna Ksiazek, da University of Warmia and Mazury, e Joanna Steuer, da Agricultural University of Wroclaw. Rematará a sesión a intervención de Annbjorg Kvalevag da Bergen University College de Noruega.
Esta actividade semanal englóbase dentro do programa elaborado para o Campus de Lugo co obxectivo de fomentar a participación dos estudantes nos programas de mobilidade con distintos países do mundo cos que conta a USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2008.