Cinco alumnos de xaponés do Centro de Linguas Modernas participan en Madrid nun concurso de teatro xaponés

Cinco estudantes de xaponés do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC participarán na fase final do III Concurso de Teatro Xaponés en España, que terá lugar en Madrid a finais do próximo mes de xuño.
O certame estatal, organizado pola Asociación de profesores de xaponés en España (APJE), a Fundación Xapón en Madrid e a Embaixada de Xapón en España, comezou cunha fase de selección previa na que sete equipos resultaron gañadores, entre eles o da Universidade de Santiago. Os participantes elaboraron guións orixinais de obras de teatro en xaponés baseados nunha temática común proposta polos organizadores.
Cursos de xaponés no CLM
O Centro de Linguas Modernas da USC ofrece cursos semestrais, intensivos de verán e cursos de preparación para os exames NOKEN de lingua xaponesa. Para este verán convoca cursos intensivos no Campus Vida de Santiago e, por primeira vez, tamén no Campus de Lugo. Este último, de nivel iniciación (A1.1), será na Facultade de Humanidades dende o 4 ata o 15 de xuño.