O ámbito empresarial galego prepárase na USC para o cumprimento da Lei de Responsabilidade Medioambiental

Responsables de medio cento de empresas galegas reuníronse esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago nunha xornada técnica sobre a Lei de Responsabilidade Medioambiental e o seu regulamento.
Tanto a USC como Prysma, en colaboración con Aenor e Pool Español de Riesgos Medioambientales, pretendían con esta xornada facilitar ás empresas o coñecemento das obrigacións que se derivan da aplicación da Lei, a forma de prepararse para o seu cumprimento, as maneiras de reducir os riscos medioambientais e os criterios aplicados para a valoración económica dos danos.
No encontro, que inaugurou o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín, participaron José Luis Canga e Luis Terradillos, de Prysma; o director técnico de Pool Riesgos Ambientales, Miguel Ángel de la Calle; e José Luis Valdés, de Aenor.
Lexislación moi esixenteDesde o 1 de maio de 2007 en que entra en vigor a Lei de Responsabilidade Medioambiental, as empresas da Unión Europea enfróntanse a unha lexislación moi esixente orientada a conseguir que se adopten medidas para previr e evitar efectos non desexados sobre o medio ambiente e que, en caso de que se produzan, sexa a actividade causante do dano a que asuma o custe económico das medidas precisas para reparalo.
A lei introduce un novo concepto, o dano medioambiental, cuxas implicacións e verdadeiro contido “tardarán tempo en concretarse”, advirten os expertos. A medida que se produza a aplicación real da Lei ao longo dos vindeiros anos, se realicen peritaxes de avaliación e valoración de danos e “as máis que previsibles sentencias xudiciais vaian sentando xurisprudencia”, establecerase o significado real deste novo termo, que “enfrontará repetidamente” a empresarios, Administracións e grupos interesados.
Ademais, como se puxo de manifesto na xornada, o regulamento implica novos custes e responsabilidades ambientais crecentes obrigando, para asegurar que as empresas dispoñen de fondos económicos para atender estas obrigacións, a contratar en determinadas circunstancias garantías financeiras cuxo importe pode alcanzar ata 20 millóns de euros.