America Sanchez debate en Fonseca con outros creadores galegos sobre creatividade popular e as novas tecnoloxías

Os deseñadores gráficos galegos Pepe Barro, Uki Permui, Daniel Bembibre e Irene García Reyes debaterán este xoves 6 nunha mesa redonda co recoñecido creador America Sanchez sobre as claves da creatividade popular e a evolución do deseño gráfico da man das novas tecnoloxías.
O encontro –ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca– enmárcase na exposición ‘Tutti Frutti’ que ata mediados de mes pode visitarse no propio Colexio organizada pola USC e o Ateneo. Nela móstrase un centenar de pezas procedentes de distintos lugares do mundo e representativas do deseño gráfico popular, unha escolma realizada polo propio America Sanchez.
Arxentino de ascendencia galega, Juan Carlos Pérez Sánchez (‘America Sanchez’) é unha das principais figuras do deseño gráfico en España e mestre formador dun nutrido grupo de creadores galegos. No seu día, falando da exposición que pode visitarse na USC dicía que é o intento “de expresar a liberdade cultural de todos os pobos do mundo a través da súa gráfica popular, o nome dun xénero que merece ser recoñecido como tal”. “Pretendemos –engadía– abrir unha nova fiestra á cultura visual contemporánea e enriquecela co uso de materiais, técnicas e recursos cotiáns, máis rápidos, simples, ecolóxicos e fáciles que o limitado e empobrecedor tratamento que adoitamos facer mediante a tecnoloxía computarizada”.