Ir o contido principal

Ampliado ata este venres 23 o prazo de inscrición nos test de nivel do CLM

Imaxe de arquivo dunha das actividades impulsadas polo CLM nas xornadas de benvida. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha das actividades impulsadas polo CLM nas xornadas de benvida. FOTO: Santi Alvite
A matrícula esténdese ata o día 27 nos cursos semestrais de alemán, inglés, francés, italiano, portugués, galego ou catalán, con prazas libres
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC amplía o seu prazo de matrícula ata o 27 de setembro e a inscrición nos test de nivel ata o venres 23 de setembro, nos cursos semestrais de alemán, inglés, francés, italiano, portugués, galego ou catalán, con prazas libres. “As persoas que teñen coñecementos previos e non teñen o nivel asignado polo CLM ou pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) nos dous anos anteriores, deben inscribirse no test e unha vez obtido o nivel, matricularse no horario que mellor lles veña”, explica Katerina Vlasakova, directora do CLM.

O alumnado pode obter ata seis créditos ECTS segundo a normativa vixente tanto polo estudo de idiomas, como pola acreditación das competencias lingüísticas.

Día europeo das linguas

O día 26 de setembro o CLM celebrará o Día Europeo das Linguas (EDL, polas súas siglas en inglés) a través da actividade ‘Café de linguas’. O EDL celebrouse por primeira vez en 2001 durante o Ano Europeo das Linguas. Ao final desta campaña, o Comité de Ministros do Consello de Europa decidiu converter o EDL nun evento anual, que se celebrará cada 26 de setembro. Cada ano, millóns de persoas nos Estados membros do Consello e noutros lugares organizan ou participan en actividades para promover a diversidade lingüística e a capacidade de falar outras linguas.

“O obxectivo xeral é chamar a atención sobre a rica diversidade lingüística e cultural de Europa, que hai que fomentar e manter, pero tamén ampliar o abano de linguas que as persoas aprenden ao longo da súa vida para desenvolver as súas habilidades plurilingües e reforzar a comprensión intercultural”, apuntan dende o CLM. “O EDL é unha oportunidade para celebrar todas as linguas de Europa, incluídas as que son menos faladas e as linguas dos emigrantes”, engaden e por ese motivo, esta vez, os idiomas convidados son o ruso e o ucraíno, entre outros. A inscrición pode formalizarse cubrindo o formulario que aparece na web da actividade e enviándoo a clmdir [at] usc.gal (clmdir[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2022.