Ampliado o prazo ata o 23 para participar no programa ARGOS
Ata o vindeiro 23 deste mes continuará o programa ARGOS buscando emprendedores entre os universitarios da USC para crear equipos multidisciplinares que desenvolvan o seu propio proxecto de negocio. Trátase da segunda edición deste iniciativa promovida pola Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) na que tamén colaboran a incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa fomenta o emprendemento como alternativa laboral e está aberto ao alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao pero tamén a alumnado de posgrao, máster ou doutoramento, así como titulados dos últimos anos. Os participantes só teñen que estar dispostos a traballar en equipo co obxectivo conxunto de desenvolver un proxecto de negocio innovador que supoña unha alternativa laboral real de cara ao futuro. O programa comprende tanto formación teórica, como práctica e asesoramento no campo do emprendemento, estruturándose en tres fases diferentes que comezan en setembro coa formación específica, continúa coa constitución dos grupos de traballo e remata coa redaccións dos plans de empresa que serán avaliados. Os equipos que presenten os dous mellores recibirán 3.000 euros para desenvolver a súa idea e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. Para inscribirse hai que cumprimentar o formulario da web http://www.uninova.org onde tamén se poden consultar as bases do programa nas que se establecen dúas categorías de participación. Argos Spin é a modalidade para proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún dos resultados de investigacións realizadas na USC e Argos Enxeño para proxectos empresariais xurdidos de ideas de negocio aportadas polos participantes do programa. Máis información en facebook en http://goo.gl/wDWIP e twitter @ArgosUSC.