Amplíase ata o 12 de maio o prazo para inscribirse na aventura emprendedora ‘Spin Way’

Spin Way é un programa internacional que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos/as participantes. O programa acaba de ampliar ata o 12 de maio o prazo de inscrición, que se pode formalizar na web.
Trátase dunha iniciativa aberta a estudantes de último ano de grao, doutoramento, posgrao ou graduado recente dalgunha universidade iberoamericana que teñan un modelo de negocio que destaque polo seu elevado grao de innovación e potencial de crecemento, forte orientación ao mercado e alto impacto social, ambiental e económico nas comunidades onde se desenvolve.
Esta edición de 2017 impúlsaa a USC en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de la Juventud para Iberoamérica (OIJ), o Instituto de Juventud (INJUVE) e o Xacobeo. A inscrición é gratuíta e os participantes terán cubertos os seus gastos de aloxamento e manutención durante o desenvolvemento do programa. Adicionalmente, o OIJ brindará apoio económico para o desprazamento a España das persoas seleccionadas que viaxen dende América Latina.
Para participar, tan só é necesario rexistrarse na web spinway.uninova.org e cubrir o formulario de inscrición, achegando o CANVAS do modelo de negocio e un pitch en vídeo no que se explique o proxecto emprendedor. Poden presentarse tanto emprendedores a título individual como en equipo.
Entre todos os inscritos serán seleccionadas un total de 100 candidaturas. Os seus promotores terán acceso a un período de mentoría online con especialistas en emprendemento e empresarios de América Latina, España e Portugal. Esta fase servirá aos emprendedores e emprendedoras para perfeccionar as súas propostas, recibindo un feedback de alto valor para os seus proxectos.
Os finalistas, escollidos entre os promotores daqueles emprendedores con maior potencial de impacto social, ambiental e económico, viaxarán en setembro a Galicia para vivir a aventura emprendedora de Spin Way.
Spin Way porá a proba tanto a súa resistencia física como a súa creatividade e capacidade para innovar e traballar en equipo, compartindo o día a día con mozos e mozas de diferentes países e culturas. Durante cinco días, os emprendedores percorrerán a pé os últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago, acompañados de mentores e realizando en paralelo actividades para perfeccionar as presentación dos seus proxectos de cara á Pitch Competition final que se celebrará en Santiago de Compostela.