Amplíase a matrícula para participaren nos obradoiros de elaboración de TFG e TFM

Á hora de elaborar os traballos de fin de grao ou de mestrado o alumnado enfróntanse a numerosas dúbidas, tanto de contido como formais. Para axudalos neste aspecto, o Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza uns obradoiros en Lugo e Santiago cos que mellorar a redacción ademais de preparar a defensa oral do traballo diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais. As persoas interesadas en realizar o de Lugo dispoñen de prazo ata o 2 de xuño e no caso do de Santiago ata o día 9 dese mes. O curso combina exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos. No obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia ‘Traballo de Fin de Grao’ ou ‘Proxecto de fin de carreira’ ou que teña que elaborar o TFM, con nivel de Celga 4 ou equivalente. Nas 30 horas do curso, 23 delas presenciais, as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do traballo. As persoas matriculadas no curso verán recoñecida a participación con 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) para todas as titulacións de grao e un diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso (30 euros) faise a través de Internet na páxina do SNL.