Amplíase o prazo para matricularse no II Fiadeiro de localización de software libre da ETSE
A iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e por segundo ano consecutivo, persoas da USC con perfís moi diferentes, sexan estudantes, docentes ou PAS, terán a oportunidade de traballaren a prol da galeguización dunha serie de aplicacións informáticas de software libre que se utilizan na Escola. Os organizadores acaban de ampliar o prazo de matrícula ata o mércores 14 de abril.
Co ‘ETSE Open’ trátase de impulsar, coa debida formación técnica previa, unha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de uso docente na ETSE, mais tamén participar noutros eventos de localización na USC. Por outra banda, búscase contar con software de uso docente en galego que facilite a incorporación e o uso pleno desta lingua nas aulas.
Varias sesiónsO Fiadeiro comeza con dúas sesións, nas mañás dos xoves 15 e 22 de abril, en que técnicos e lingüistas da Oficina de Software Libre da USC introducirán aos participantes no traballo de tradución. Xa o 30 de abril terá lugar unha xornada de localización na que os participantes han verter ao galego dezaseis pequenas aplicacións de Gnome e Ubuntu, todas elas de entre 100 e 200 cadeas que poderán utilizarse, por exemplo, nas distribucións de Ubuntu-USC, a localización específica desta plataforma libre para a Universidade de Santiago en lingua galega. Entre as aplicacións atópanse un conversor multimedia (Gnac), un cliente de Twitter (Pino), un centro multimedia que permite ter cinema na casa (Entertainer), un analizador e manipulador de vídeos (Longomatch), para facer retoques de fotografía dixital (Niepce) e unha ferramenta para xestionar datos bibliográficos (Pybliographer).
Farano por parellas, a cada unha das cales se lle encomendará unha aplicación contando co asesoramento dos profesores do Fiadeiro Antón Méixome, Enrique Estévez e Francisco Diéguez, estes últimos técnicos da Oficina de Software Libre.
Diplomas, créditos e premioOs participantes verán recoñecido o seu traballo e a adquisición de novas habilidades lingüísticas e informáticas cun crédito de libre configuración, un diploma de asistencia de 15 horas e outro recoñecendo a autoría da localización encomendada. Ademais, optan ao premio ‘Máis e mellor’, que se lle concederá a aquela parella que traduza máis cadeas e con meirande calidade na sesión de localización, dotado en metálico con 0,80 € por palabra única traducida correcta.
O II Fiadeiro de localización de SL é unha actividade da Comisión de Normalización Lingüística da ETSE, organizada conxuntamente co Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Software Libre da USC.