Ir o contido principal

Amplíase o prazo para optar aos premios á calidade lingüística na modalidade de traballos académicos de curso

A Universidade de Santiago amplía ata o 21 de xuño o prazo para optar aos Premios á calidade lingüística para aquel alumnado que presente traballos académicos de curso. O certame recoñece os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira, de fin de grao e de fin de mestrado redactados en galego neste ano académico 2012-2013. A iniciativa estendeuse nesta edición por vez primeira a todos os centros e titulacións da USC de maneira que todo o estudantado de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que faga os seus traballos en galego e obteña cando menos un aprobado poderá optar a estes premios que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Concederanse cinco premios, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Aos premiados/as nos traballos académicos de curso corresponderalles 150 euros, 300 euros para os proxectos de fin de carreira e de fin de grao e 400 para os mellores traballos de fin de mestrado. En todos os casos reciben ademais un diploma para o seu currículo. Habilidades necesarias A presentación axeitada dun traballo ou documento dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. As bases do certame atópanse nun web no que ademais o alumnado pode atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 100.000 entradas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2013.