Ana María Porteiro gaña o IX Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica por un estudo dunha comedia de Lope de Vega
O xurado do IX Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica decidiu recoñecer co galardón a Ana María Porteiro Chouciño polo seu traballo ‘Del monte sale quien el monte quema’, de Lope de Vega. Estudio y edición crítica’, que revisa unha comedia típica de enredo amoroso das menos coñecidas e divulgadas dese autor.
Na concesión deste premio o xurado valorou precisamente a elección dun texto pouco coñecido de Lope de Vega, cun corpo fundamental de case 3.000 versos e do que se conserva un manuscrito do autor con anotacións anónimas e outras testemuñas escritas de copias de comediantes da época.
Presidido polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada Darío Villanueva e novo membro da Real Academia Española, Darío Villanueva; o xurado estivo integrado ademais polo catedrático e tamén membro da RAE, Guillermo Rojo; o catedrático de Literatura Española, José Manuel González Herrán; a catedrática de Filoloxía Románica, Mercedes Brea; o catedrático de Filoloxía Portuguesa, José Luis Rodríguez; e o tenente de alcalde do Concello de Ribadeo, Vicente castro. Asistiu ademais á lectura pública do ditame o delegado en Santiago de La Voz de Galicia, Ignacio Carballo.
O traballo gañador, dotado con 6.000 euros, será editado polo Servizo de Publicacións da USC e presentado no vindeiro mes de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Dámaso Alonso en 1898.
Premio Dámaso AlonsoO Premio Dámaso Alonso de Investigación Filológica, organizado pola Universidade de Santiago xunto co Concello de Ribadeo e o Grupo Voz, tenta dar a coñecer a mellor das obras de filoloxía realizadas por investigadores novos sobre os eidos que cultivou Dámaso Alonso.
A convocatoria deste galardón diríxese a filólogos que non cumprisen os 30 anos na data límite para a recepción dos orixinais, que deben versar sobre cuestións relacionadas con estudos lingüísticos peninsulares, estudos e ensaios histórico-críticos sobre as literaturas románicas peninsulares de todas as épocas, edicións e comentarios de textos literarios hispánicos, estilística e teoría da literatura ou historia da crítica literaria.