Ir o contido principal

A análise da tipoloxía da innovación no sector leiteiro centra este venres unha xornada divulgativa en Verín

O profesor da USC e coordinador da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega, e o investigador Jaime Magdalena ofrecerán dous relatorios na localidade ourensá

A análise da tipoloxía da innovación do sector leiteiro centrará este venres, día 10 de outubro, unha nova sesión das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. O profesor de Industrias Lácteas na Escola Politécnica Superior e coordinador da Aula de Produtos Lácteos (APL) da USC, Juan Méndez Dónega, e o tamén investigador da APL Jaime Magdalena Vera serán os relatores encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha matinal dirixida a estudantes de ensino secundario e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará en quenda de tarde na Casa da Cultura de Verín.

A sesión matinal, orientada ao estudantado e ao persoal dos institutos de ensino secundario García Barbón e Xesús Taboada Chivite de Verín, desenvolverase a partir das 13.30 horas no salón de actos deste último centro de ensino. O xornalista Jesús Salgado Álvarez, será o encargado de moderar esta intervención. Xa en quenda de tarde, o salón de actos da Casa da Cultura de Verión, acubillará, a partir das 20.15 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas. Este foro divulgativo sobre tipoloxía da innovación no sector leiteiro encádrase no marco das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro percorrerá por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2014.