As análises realizadas polo Instituto de Medicina Legal da USC confirman que Juan José David Gómez Tapiero é o fillo da secuestrada polas FARC en 2002 Clara Rojas
As análises realizadas no Instituto de Medicina Legal da USC sobre as mostras recollidas en Colombia respecto do ‘caso Enmanuel’ demostran que o neno que se atopa nun centro de protección de Bogotá, Juan José David Gómez Tapiero, é o fillo da secuestrada polas FARC en 2002 e ex candidata á vicepresidencia do Goberno colombiano, Clara Rojas. Os resultados déronse a coñecer na USC nunha rolda de prensa ofrecida polos profesores Carracedo e María Victoria Lareu Huidobro, directora da sección de Xenética do Instituto, e o coordinador nacional de Xenética da Fiscalía Colombiana, Manuel Paredes.
Segundo o informe final presentado esta mañá, as análises desenvolvidas demostran que a probabilidade de que Juan José David Gómez Tapiero sexa fillo de Clara Rojas é “superior ao 99,999999 por cento”. O estudo incluía a análise de catro mostras rotuladas cos nomes de Clara González Rojas, Iván Rojas e Andrés Rojas, e que á vista dos resultados obtidos son a avoa materna e os tíos maternos do neno, respectivamente.
O que achegou de novo o grupo compostelán á resolución do ‘caso Enmanuel’ é unha pericia máis especializada engadindo marcadores que “non son de rutina en ningún laboratorio”. Así, dende un punto de vista técnico, a metodoloxía achegada polos investigadores do Instituto de Medicina Legal da USC permitiu someter as mostras a novos marcadores microsatélites e un tipo novo que se denominan SNPs, “desenvolvidos polo centro da Universidade compostelá conxuntamente con outros grupos europeos dentro dun programa da UE”. Carracedo matizou que esta técnica engade maior sensibilidade ás análises para resolver este tipo de casos.
No instituto compostelán utilizaron tamén outro tipo de marcadores, os microsatélites de cromosoma X e os SNPs de ADN mitocondríaco,estes últimos desenvolvidos tamén por elles, “moito máis apropiados que os convencionais”.
A resolución dos casos criminais no Instituto de Medicina Legal “evolucionou de maneira destacada grazas aos SNPs”, afirma neste senso Ángel Carracedo. Deste xeito, estas probas poden realizarse en Santiago e en moi poucos laboratorios do mundo, de aí que á capital de Galicia cheguen casos especialmente difíciles de resolver como as mochilas dos atentados do 11-M, o asasinato das nenas de Alcásser ou as vítimas do tsunami do sudeste asiático.
As probas analizadas nos laboratorios composteláns realizáronse sobre mostras previamente procesadas en Colombia polo Instituto Nacional de Medicina Legal e Ciencias Forenses. A este respecto, o profesor Carracedo, que agradeceu “a confianza” que o goberno colombiano depositou na Universidade de Santiago, destacou o labor dos centros colombianos que traballan en xenética forense, “realmente modélicos”.
O Instituto de Medicina Legal da USCO Instituto de Medicina Legal da USC, considerado un dos laboratorios máis prestixiosos neste campo, realiza probas de paternidade, criminalística biolóxica, identificación humana e investigación en xenética forense dende 1978 e todo aquilo encargado pola Administración de Xustiza, “miles de casos ao ano”, explicou Ángel Carracedo.
O traballo cotiá deste laboratorio especializado, a onde chegan solicitudes de todas partes do mundo, oriéntase especialmente cara tres tipos de casos como serían os de patoloxía molecular (morte súbita, reacción vital ou fechas de defunción), determinación da paternidade e numerosos de carácter criminal. O instituto resolve anualmente uns mil casos de toxicoloxía, douscentos de paternidade, outros tantos criminais e algunhas decenas de patoloxía molecular.
En xeral, os seus obxectivos principais son a investigación científica no campo das Ciencias Forenses, a docencia e actividades de asesoramento técnico ás Administracións de Xustiza. Para elo dispón de dous laboratorios na Facultade de Medicina e na Fundación Pública de Medicina Xenómica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Ademais, conta cos recursos estruturais e técnicos necesarios para a realización de estudos xenéticos de máximo nivel.