Analizan nun congreso internacional o futuro da historia como espazo de estudo e ámbito profesional
Analizar o futuro que lle agarda á historia como campo de investigación e como ámbito profesional resume a idea coa que se organiza o IV Congreso Internacional Historia a Debate, a celebrar entre os días 15 e 19 de decembro. Este encontro chega á súa cuarta edición co obxecto central de debater sobre a disciplina da historia, os grandes feitos e procesos históricos que está a vivir a sociedade e as demandas doutros suxeitos culturais, políticos e sociais que interveñen na escritura da historia. O programa pretende reflexionar sobre cómo exercer o oficio de historiador no século XXI atendendo ás novas formas de traballar con fontes e teorías e a como orientar a didáctica da historia, aproveitando as novas tecnoloxías para chegar ao público lector e espectador. Como punto de encontro, agárdase que o congreso permita desenvolver novos paradigmas, redes e tendencias como Historia a Debate e outros xurdidos das inéditas realidades do século. Segundo os promotores do congreso, vivir a historia académica de maneira máis global pasa por “ interesarmos polo presente compartido”, achegando o saber histórico á comprensión e evolución das grandes cuestións dunha actualidade global “cada vez máis determinante para entender a forma e o contido da profesión histórica, as humanidades e as ciencias sociais”. Na páxina web http://www.h-debate.com/, as persoas interesadas poden acadar máis información sobre o programa ou sobre as posibilidades de presentar comunicacións.