Ir o contido principal

Analizan nun curso de verán en Muros a influencia da escola, a sanidade e a empresa na mediación lingüística e integración de inmigrantes en Galici

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Difundir o concepto de mediador intercultural e lingüístico como instrumento esencial para a integración dos estranxeiros residentes en Galicia e a evitación da xenofobia. Trátase dun dos obxectivos do curso de verán ‘ Mediación lingüístico e integración de inmigrantes en Galicia: escola, sanidade e empresa’, a celebrar entre o 26 e o 28 de xullo na Casa da Cultura do Concello de Muros baixo a dirección de Carme Silva. Este curso, que integra o Campus de Verán de Muros, vai analizar tamén o funcionamento dos procesos de mediación levados a cabo por ONG, empresas privadas e entidades públicas no territorio estatal, tanto no contexto escolar como no sanitario, e a visibilizar o papel dos inmigrantes como mediadores espontáneos. O programa de mediación intercultural da Xunta de Galicia, a mediación como prevención do racismo, a mediación escolar, a iniciativa privada na mediación intercultural, propostas para a integración da diversidade cultural e política dos inmigrantes ou programas de integración á persoas inmigradas son algúns dos temas sobre os que se profundarán nos relatorios previstos. Xunto estas intervencións, tamén se presentarán o proxecto ‘Mediador de Pares’ do Foro Galego de Inmigración e o Plan Director de Inmigración do Departament de Salut da Generalitat. O curso conta co cofinanciamento do Concello de Muros e da Deputación da Coruña.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://lingesp.usc.es/cursos/mediacionlinguistica2010/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2010.