Ir o contido principal

Analizan o impacto ambiental da industria téxtil

Analizan o impacto ambiental da industria téxtil
Analizan o impacto ambiental da industria téxtil

Nun contexto no que a sociedade cada día é máis consciente da influencia das súas decisións no medio ambiente, ata hai pouco tempo non se tiña medido o impacto da industria da moda. O curso ‘ Slow fashion, tradición artesá e innovación sostible’ abre un debate arredor de conceptos como a moda sostible ao tempo que busca dotar aos participantes das ferramentas para distinguir entre ‘slow fashion’ e ‘fast fashion’ e concienciar sobre a importancia do cambio de hábitos no estilo actual de consumo de moda. O prazo de matrícula remata o 25 de agosto.

Este curso celebrarase entre os días 4 e 8 de setembro cunha carga lectiva de 26 horas. Os seus organizadores calculan que a industrial téxtil é na actualidade a segunda causa de emisións de CO2 á atmosfera. O programa previsto tenta realizar un percorrido polos diversos parámetros que marcan o concepto de moda sostible, e entre os que se atopan cuestións como o patrimonio cultural, a biodiversidade, os materiais orgánicos, as novas tecnoloxías ou a eficiencia, entre outras cuestións.

O punto de partida do programa será unha conferencia introdutoria sobre a evolución da moda no contexto da sustentabilidade, para continuar co concepto ‘slow fashion’ e a súa aplicación, ademais de revisar casos prácticos ao respecto. No segundo día deste encontro revisaranse as estratexias globais de sustentabilidade aplicadas a producións téxtiles e novos materiais sostible, con especial atención á polimerización de residuos plásticos para a produción de poliéster. En dous novos casos prácticos debaterase sobre o proxectos aplicado á sustentabilidade de materiais téxtiles e tinturas naturais e á trazabilidade da prenda.

Tamén haberá tempo para avaliar políticas de responsabilidade social corporativa aplicadas á industria téxtil e as certificacións sostibles nesta industria. Para completar o cadro de intervencións abordarase a artesanía téxtil como patrimonio cultural e a recuperación de tecidos tradicionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2017.