Ir o contido principal

Analizan nunha tese a evolución do banco de Olímpio Pérez

Xoán López Facal
Xoán López Facal
O autor, Xoán López Facal, constata no traballo a grande internacionalización do banco alcanzada xa a comezos do XX

A evolución do banco compostelán da familia Pérez que tivo a súa sede na Praza de Cervantes, no edificio de finais do XIX ocupado hoxe polo Centro Abanca de Obra Social, centrou a tese ‘O banco de Olímpio Pérez, 1880-1936’ que defendeu o pasado venres en Económicas Xoán López Facal. A tese, que dirixiu o profesor Xoán Carmona, comeza describindo a identidade da sociedade compostelá do século XIX e comezos do XX, de raíz episcopal e monterista, para estenderse despois a examinar os retos que tiveron que afrontar os sucesivos directores da entidade: Manuel Pérez (1850-1880), Olimpio Pérez (1880-1915) e o xenro deste, Marcelino Blanco de la Peña. A investigación centra o seu interese no período en que o banco foi presidido por Olimpio Pérez e os seus sucesores inmediatos. Analiza a rede de correspondentes do banco, tanto en España como no estranxeiro, demostrando a ampla internacionalización alcanzada xa a comezos do século XX. É obxecto de análise tamén a formación e composición da carteira de valores do banco e o impacto sobre ela dos cambios operados n conxuntura económica. Outro dos capítulos está dedicado a estimar o fluxo de remesas recibidas da emigración galega ultramarina no período 1884-1936, que avalía en 112 millóns de pesetas. Segundo o autor, a cantidade podería elevarse ata 2.300 millóns para o conxunto do sistema bancario galego neste período. No capítulo final López Facal examina o contexto bancario galego no primeiro terzo do século XX (Bancos Pastor, de Coruña, Olimpio Pérez, Simeón, Vigo) e describe as traxectorias particulares das diversas entidades. Conclue o estudo coa estimación da rentabilidade secular do banco no período 1897-1940. A tese acompáñase dunha serie de apéndices dos cales un deles incorpora a historia do banco elaborada polos herdeiros de Olimpio Pérez no ano 1947 para conmemorar o centenario da fundación da casa. O tribunal, que lle concedeu a cualificación de sobresaliente cum laude, formárono os profesores Jaime Reis, da Universidade de Lisboa; Carles Sudriá, da Universidade de Barcelona; Pedro Tedde Lorca, da Universidade CEU San Pablo; e Juan C. Maixé, da Universidade da Coruña. Exerceu de secretario o profesor da USC Alberto Meijide. O autor Xoán López Facal (Toba, Cee, 1940) é enxeñeiro industrial superior pola Escola de Madrid. Fixo a carreira de Económicas mentres traballaba como enxeñeiro e de volta en Madrid desenvolveu a súa carreira de economista na banca (Banco Popular e Central). Regresou finalmente a Galicia para incorporarse a Sodiga onde chegou a exercer de director financeiro. Despois da súa xubilación anticipada exerceu como de profesor asociado na USC. Politicamente formou parte de Esquerda Galega, chegando a formar parte do Parlamento Galego en representación do PSG-EG durante a terceira lexislatura (1990-1993).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2014.