‘Somos anfitrións’, unha campaña para dar pulo ao turismo de congresos

Baixo o lema ‘Somos Anfitrións’, presentouse este mércores a nova campaña do Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago, dirixida á captación de turismo de congresos e eventos, tamén denominado como Turismo MICE. O acto no que tomou parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, serviu para afondar neste eido estratéxico para a cidade xa que fomenta que a demanda non dependa das estacións “grazas a que a maior parte dos encontros organízanse fóra dos meses centrais do verán, e achega un alto valor engadido con respecto ao turismo tradicional polo elevado gasto medio dos participantes”, explicaron dende a organización.
A campaña ‘Somos Anfitrións’ ten como obxectivo a reactivación do sector congresual en Santiago a curto e medio prazo, tal e como se está producindo nos últimos meses co turismo tradicional na cidade. Esta iniciativa diríxese a promotores da propia cidade para animalos a impulsar a organización de Congresos e Eventos relacionados coas súas áreas de traballo, lembrándolles que teñen a súa disposición os servizos do Santiago de Compostela Convention Bureau. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, tamén tomou parte no acto xunto á xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.