Ir o contido principal

Ángel Carracedo ingresa na Academia galega de Farmacia

O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago Ángel Carracedo Álvarez tomará posesión como académico de número da Academia de Farmacia de Galicia nun acto público a celebrar este mércores 16 ás 19.00 horas na súa sede en Santiago, no Antigo Hospital de San Roque (rúa San Roque 2). Na cerimonia, á que entre outras personalidades asiste o reitor Juan Casares, o profesor Carracedo pronunciará o discurso ‘A variablidade xenética humana e a resposta aos fármacos’. Contestaralle a académica e profesora da USC María Isabel Loza García. Carracedo Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) desenvolveu toda a súa vida profesional en Galicia e hoxe é un dos científicos de maior impacto mundial no campo da xenética forense e de poboacións humanas. Estudou Medicina na Universidade de Santiago, onde se formou en medicina legal co profesor Luís Concheiro e logo ampliou estudos de xenética e bioquímica en Upsala (Suecia). Nos últimos quince anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e medicina xenómica e promoveu a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe actualmente, un dos centros de maior volume de España na diagnose de enfermidades xenéticas. Desde a creación do Centro Nacional de Xenotipado do ISCIII centra a maior parte da súa investigación na busca dos xenes involucrados en enfermidades complexas, particularmente cancro e enfermidades psiquiátricas e en farmacoxenética. Ademais, desde a dirección do grupo de Medicina Xenómica traballa tamén en áreas incipientes como a farmacoxenética, coa esperanza de alcanzar fármacos á carta que respondan ás necesidades particulares de cada paciente en función do seu perfil xenético. Segundo Thomson Reuters –a axencia que xestiona a Web of Knowledge– Carracedo figura entre os autores máis citados en dous ámbitos, o da medicina clínica e o de bioloxía molecular e xenética. Ten no seu haber unha decena de libros e máis de cincocentas publicacións, varias delas na revistas de máis impacto como Nature, Nature Genetics ou Science. Recibiu numerosos premios de investigación, entre os que destacan o Rey Jaime I, a Medalla Galien, a Medalla Adelaide, a Medalla de Galicia, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao ou o Premio Novoa Santos, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2013.