Ir o contido principal

Ángel Carracedo, Premio Nacional de Xenética

Ángel Carracedo Álvarez
Ángel Carracedo Álvarez
A Sociedade Española de Xenética entrégallo o venres 18 na Universidade de Córdoba

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo Álvarez recibe este venres 18 na Universidade de Córdoba o Premio Nacional de Xenética concedido pola Sociedade Española de Xenética. A entrega de premios, que se celebrará ás 18.30 horas, enmárcase nos actos de clausura do XL Congreso da Sociedade Española de Xenética, no que tamén recollerá o premio na modalidade básica Ginés Morata Pérez.

Ángel Carracedo recibe o premio polo seu labor pioneiro no desenvolvemento de novas tecnoloxías para a identificación forense baseadas na xenética molecular, que tiveron unha grande proxección internacional, así como polas súas notables achegas nos ámbitos da xenética forense, clínica e de poboacións. O xurado destaca ademais as contribucións do catedrático da USC á oncoloxía clínica e ao establecemento das bases moleculares de varias enfermidades mentais e vasculares. Tamén foi considerado o traballo de Carracedo e do seu equipo na parte asistencial, “ realizando decenas de miles de probas xenéticas para a detección de enfermidades raras, moitas delas con tecnoloxía propia”.

O xurado nomeado pola Sociedade Española de Xenética estivo integrado por Jaume Baguña, catedrático de Xenética da Universidade de Barcelona; Isabel Fabregat Romero, presidenta da SEBC e investigadora do IDIBELL de Barcelona; Alberto Fernís Gamero, residente SEG e profesor de Investigación do CSIC; Josefina Méndez Felpeto, catedrática de Xenética na Universidade da Coruña; Marcelino Pérez de la Vega, catedrático de Xenética na Universidade de León; e Santiago Rodríguez de Córdoba, profesor de Investigación do CSIC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2015.