Animar non é berrar

Profesorado, adestradores/as, pais e nais reuniranse o vindeiro 17 de novembro no IES Arcebispo Xelmírez I para participar na xornada ‘Animar non é berrar’, ideada para fomentar a igualdade no deporte de base e loitar contra o racismo e as discriminacións.
A sesión está organizada polo grupo Stellae da USC no marco do proxecto IRIS (Recursos de aprendizaxe innovadores para promover a participación igualitaria en deportes de base, abordando a discriminación, o racismo e incidentes violentos) do programa Erasmus + que busca principalmente a mellora das prácticas deportivas no deporte base para previr a discriminación neste ámbito. De IRIS saíron xa diferentes recursos, como un cómic, un videoxogo, unha curtametraxe infantil e un curso de formación para o profesorado ou adestrador/a que desexe profundar un pouco máis nun ámbito no que aínda falta moito por traballar.
O obxectivo da xornada en Santiago é dar voz aos diferentes axentes e presentar algúns dos recursos, pero facelo dunha maneira divertida e contando con profesionais tanto do eido deportivo como do educativo. O acto é gratuíto, pero é necesario inscribirse en eventos [at] trevisani.es (eventos[at]trevisani[dot]es)ou nos teléfonos 981.935.346 / 981.569.196. Levaranse a cabo dúas sesións, unha de 10:45 a 11:30 h e outra de 11:35 a 12:20 horas. As prazas son limitadas, polo que a entrada será por orde de inscrición.
No proxecto IRIS participan, ademais do grupo Stellae da USC, o Centro Rexional de Formación Profesional e Aprendizaxe Permanente (RCVTLLL) da rexión de Grecia Occidental; a Universidade Konstantin Preslavski de Shumen (Bulgaria); a Universidade de Jyväskylä (Finlandia); a Asociación Deportiva Oltalom (Hungría) e a Hellenic Open University (Grecia).