O ano 2015, entre os máis secos dos últimos 30 en Compostela

Que o ano 2015 se converta no menos chuvioso dos, como mínimo, últimos 30 anos dependerá de que en decembro se cumpran ou non as estatísticas, segundo as cales nese mes se rexistran de media 256 l/m2.
Atendendo aos rexistros meteorolóxicos das últimas tres décadas do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía), en 2015 caeron ata agora na cidade un total de 1.096,3 l/m2, un dato que comparado cos 1.279,8 de 1990 –o ano máis seco– advirte que faltan só 183,5 l/m2 para superar a cifra de hai 25 anos.
Os datos que manexa o observatorio universitario mostran que o 40% da precipitación anual adoita concentrarse no tres últimos meses do ano, “o que non semella ser, de momento, o caso de 2015, xa que desde o primeiro de outubro se contabilizaron só, ata o 20 de novembro, un total de 249 l/m2”. Iso si, advirte o seu director José Ángel Docobo, “falta todo o mes de decembro, así que haberá que agardar para dicir se é este ano un dos máis secos en Compostela”.
No período estudado, os anos máis secos foron 1990 e 2011, con 1.279,8 e 1.293,6 l/m2, respectivamente, e os máis chuviosos 2000 (2.471,8 l/m2), 2002 (2.415,9) e 2006 (2.407,2).
Mes Media de precipitación promedio de días de choiva
Xaneiro 239 l/m2 20
Febreiro 162 16
Marzo 155 16
Abril 153 18
Maio 125 16
Xuño 66 11
Xullo 45 9
Agosto 57 10
Setembro 101 12
Outubro 241 16
Novembro 240 19
Decembro 256 19
Media anual 1.840 l/m2 182