Ir o contido principal

O pasado ano foi un dos máis secos dos últimos 30 anos en Compostela

Garita meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Garita meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
O Observatorio Astronómico da USC acaba de facer público o seu resumo meteorolóxico anual da cidade

O ano que acaba de rematar atópase entre os máis secos dos últimos 30 anos xa que, a pesar de que o outono foi unha estación chuviosa en Compostela, os 1.494,6 l/m2 de chuvia medidos ao longo de todo o ano están claramente por baixo da media dos últimos 30 anos (1.794,8 l/m2). De feito, sinala o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, 2012 resultou ser o sexto ano máis seco dende 1982. Foron 198 xornadas nas que nalgún momento do día chegou a chover, aínda que en 24 días a precipitación se considera inapreciable, con rexistros inferiores a 0,1 litros/m2. Así, a porcentaxe de días con choiva resultou ser do 54,1%, ou do 47,54% se se prescinden dos días con rexistro inapreciable. Os datos atópanse na media de Compostela con preto do 50 % dos días con precipitación. O réxime de precipitacións transcorreu en períodos de tres meses, alternativamente secos e chuviosos. Así, no período xaneiro-febreiro-marzo tan só se rexistraron 95,7 l/m2, e no trimestre de xullo a setembro un total de 153,4 l/m2. Entre abril, maio e xuño a cantidade recollida ascendeu a 486,3 l/m2 e entre outubro e decembro, a 759,2 l/m2. O día máis chuvioso O día máis chuvioso foi o 13 de decembro con 79,3 l/m2, seguido de lonxe do 17 de outubro con 47,4 l/m2. Decembro foi o mes con máis choiva, 312,3 l/m2 nun total de 27 días, seguido de novembro con 243,4 l/m2 en 23 xornadas. Pola contra, en febreiro rexistráronse pouco máis de 6 l/m2. En 2012, en xuño choveu moito máis da media neste mes, 139,3 l/m2, con xornadas moi chuviosas nos días 6, 15 e 17. En agosto se recolleron 51,6 l/m2, ao longo de 13 días con precipitación, e en Xullo, a chuvia fixo aparición en 12 días, os cales se concentraron como xa é habitual no comezo deste mes, sinala o Observatorio Astronómico da USC. Non nevou en todo o ano que acaba de terminar e tan só se contabilizaron dous días con tormenta (un en xullo e outro en outubro), así como dous con sarabia (ambos os dous en marzo). Aínda que o Observatorio Astronómico Ramón María Aller dispón de dous pluviómetros, un deles automático e outro manual, todos os datos presentados corresponden a este último, que é o máis exacto, xa que o pluviómetro automático mide aproximadamente un 30% menos. Neste senso, o director do Observatorio compostelán José Ángel Docobo considera “preocupante que os pluviómetros manuais vaian desaparecendo debido á servidume que supón atendelos todos os días”. 35º de temperatura máxima A temperatura máxima do ano rexistrouse o 26 de xuño, cando o mercurio alcanzou os 35º7. Como curiosidade, o Observatorio da USC sinala que en 2011 a temperatura máxima tamén tivera lugar neste mes. Ademais desta xornada, noutros doce días a temperatura superou tamén os 30º (tres veces en maio, tres en xullo e en setembro, dous en agosto e outra en xuño). Así mesmo, o termómetro estivo por riba dos 25º nun total de 43 días. A noite máis calorosa do ano foi a do 26 ao 27 de xuño, cando os termómetros non baixaron dos 22º9. Pola contra, a máxima máis baixa produciuse o 2 de febreiro, xa que o termómetro non pasou de 7º4. Ao longo de 2012 tan só se rexistraron temperaturas negativas en seis días, dous en xaneiro e catro en febreiro, sendo a mínima absoluta os -1º6 do día 4 de febreiro. A vaga de frío deste último mes ficou reflectida nos seis días nos que a máxima non pasou dos 10º. Superando rexistros de insolación

Os heliógrafos do Observatorio Astronómico universitario mediron un total de 2.180 horas e 9 minutos de insolación, cifra que representa un 50 % das posibles horas de Sol ao longo do ano, superando a media do 46,3 % en Santiago. O mes máis soleado do ano foi marzo, con 261 horas, seguido de setembro con 252,5 horas. Houbo 37 días sen Sol, pero pola contra o astro rei deixouse ver noutros 106 con máis de nove horas de insolación, e noutros 84 cun rexistro de entre 6 e 9 horas. Con moita diferenza, engade o director do Observatorio, decembro resultou ser o mes máis gris, con 67 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2013.