António Cândido Macedo de Oliveira, Giampaolo Rossi e Jean-Bernard Auby reciben a Insignia de Ouro da USC

A Insignia de Ouro é o máximo recoñecemento que a USC outorga a aquelas persoas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución, ben sexa pola súa continuidade e duración, ou pola súa especial relevancia e significación. Baixo esta premisa, o reitor Antonio López impuxo este xoves 26, nun acto institucional que se desenvolveu no Colexio de Fonseca, as súas respectivas insignias aos profesores António Cândido Macedo de Oliveira, Giampaolo Rossi e Jean-Bernard Auby, polas súas achegas fundamentais para o avance da ciencia do Dereito Público e Administrativo.
A través da Insignia, distínguese a continuada e intensa relación coa USC destes tres docentes, os cales apoiaron a institución compostelá na formación do seu persoal docente e investigador e no desenvolvemento de numerosas actividades científicas.
António Cândido Macedo de Oliveira
Macedo de Oliveira foi catedrático na Escola de Dereito da Universidade do Minho. O seu vínculo coa USC abrangue ámbitos diversos que van dende a recepción de persoal investigador para estadías pre e postdoutorais, ou o apoio á internacionalización do programa de doutoramento en Dereito da USC. A colaboración coa institución compostelá tamén se estende á organización de numerosos seminarios, xornadas e congresos. Ademais, o profesor Oliveira a través do equipo de redacción das revistas que dirixe fomenta as sinerxías co persoal investigador da USC. António Cândido Macedo de Oliveira foi tamén director da Facultade de Dereito e de Ciencia Política da Universidade Lusófona do Porto.
Jean-Bernard Auby
Jean-Bernard Auby foi profesor na Universidade de Paris II (Panthéon-Assas) (1994- 2006), en Paris XII (1987-1994) e na Universidade de Rennes I (1983-1987). Auby ten colaborado coa USC en proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D como é o caso de ‘Instrumentos xurídicos para a loita contra a despoboación rural’ que finalizou o ano pasado. Ademais, en 2019, o profesor Auby confiou á USC a sede dunha das tres redes de investigación nas que se segregou a súa Cátedra logo da súa xubilación.
Giampaolo Rossi
En Santiago de Compostela, o profesor Giampaolo Rossi pasou longas tempadas estudando e escribindo artigos científicos, destacando a súa participación no Congreso da Asociación de Profesores de Dereito Administrativo de España en 2014. Os seus estudos abarcaron un amplo abanico de temas de Dereito Administrativo e Constitucional e plasmáronse en diversas obras monográficas e decenas de artigos publicados. Fundou e dirixiu o Doutoramento en Dereito Administrativo e o Mestrado en Dereito Ambiental da Universidade de Roma 3 e puxo en marcha e coordinou o Observatorio Europeo da Contratación Pública no Centro de Excelencia de Roma 3.
Estas iniciativas académicas de Giampaolo Rossi contribuíron de forma decisiva na formación de docentes e na comprensión das normas de contratación pública. A extensa carreira de Rossi foi obxecto de numerosos e prestixiosos recoñecementos e premios, polo que actualmente é profesor emérito de Dereito Administrativo no Departamento de Dereito da Universidade Roma 3 e na Facultade de Dereito da Universidade Chinesa de Ciencias Políticas e Dereito.




