Ir o contido principal

Antonio López reitera o “compromiso ilusionado” coa USC na súa toma de posesión como reitor

O reitor xunto ao conselleiro Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
O reitor xunto ao conselleiro Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
O relevo xeracional, as infraestruturas, os recursos financeiros, a oferta docente, o plan de financiamento, o proxecto de Cidade da Saúde, así como a transformación dixital constituíron os eixos sobre os que o reitor artella os próximos catro anos de goberno
Lugo, Santiago de Compostela

Reiterando o seu “compromiso ilusionado coa Universidade”, deste xeito tomou posesión este martes 22 o profesor Antonio López do seu cargo como reitor da USC logo de ser reelixido nas eleccións do pasado 23 de febreiro. Coa vontade de seguir contribuíndo, dende o goberno da institución, a “formar cidadás e cidadáns críticos, cultos e libres”, Antonio López afondou nos retos de futuro logo de “catro anos marcados sen dúbida pola COVID-19” e nos que a institución “quixo, deliberadamente, facerse presente neste momento de crise para reivindicar o seu papel de formadora, pero tamén de xeradora dun coñecemento que, lonxe de esconderse nunha torre de marfil, acaba sendo motivo de esperanza para unha sociedade atribulada”, dixo. O relevo xeracional, as infraestruturas, os recursos financeiros, a oferta docente, o plan de financiamento, o proxecto de Cidade da Saúde, así como a transformación dixital constituíron os eixos sobre os que o reitor artellou un discurso inspirado na afirmación do tamén reitor Rodríguez Cadarso, “traédeme proxectos e cifras”.

Relevo xeracional

Baixo esta premisa, o reitor avanzou a definición dun novo plan cuadrienal no que mantendo a aposta pola incorporación, a través de programas de recursos humanos, e tamén de axudantes doutores, alén de apostar pola estabilización e a promoción, incorporaranse novas liñas de actuación como programas predoutorais para incentivar o doutoramento en áreas especialmente necesitadas. “Confiamos tamén en ir abrindo a posibilidade de introducir criterios de oportunidade, que complementen o da estrita necesidade docente que se veu aplicando ata agora, coa vista posta no medio e longo prazo, xa que os desafíos aos que esta nosa universidade terá que facer fronte no futuro requiren de novas perspectivas, ideas e renovados azos”, dixo.

Antonio López lembrou como, no seu primeiro mandato, para paliar as baixas do profesorado, botou a andar un Plan Plurianual (2019-2022) que permitiu a creación de 205 novas prazas de axudante doutor, como aposta principal para o inicio da carreira académica. Para a estabilización de profesorado, creáronse 117 prazas e, para a promoción, 130 de titular e 132 de catedrático, así como 24 prazas vinculadas nas áreas de Ciencias da Saúde. No que atinxe ao Persoal de Administración e Servizos afrontouse unha revisión profunda da relación de postos de traballo, e convocáronse 123 prazas, tanto pola vía de acceso libre como de promoción interna.

Infraestruturas e recursos financeiros

O “ambicioso” Plan de Infraestruturas que ronda no seu conxunto os 80 millóns de euros foi outro dos eidos nos que se detivo o reitor Antonio López. “Buscar o uso máis eficiente da superficie construída, optimizar o consumo enerxético e reducir os gastos correntes” conforman liñas nas que o reitor quixo poñer o foco logo “dun decenio de crise financeira”. Neste senso, Antonio López tamén destacou que “fomos quen de deixar reducida a débeda da Universidade a 17 millóns de euros a 31 de decembro de 2021, fronte aos 30,7 millóns a que ascendía hai 4 anos”. Doutra banda, aprobouse un plan económico financeiro, que se traduciu nun esforzo por reducir o gasto corrente ata un 15%. Todos estes esforzos, continuou o reitor, permitiron reverter os aforros xerados na mellora dos campus e tamén dos Centros.

Oferta docente e investigación

A implantación de novas titulacións, cunha incidencia especial no Campus de Lugo, permitiu “un cambio de tendencia” do alumnado de 1ª matricula, “pasando de 4.173 en 2018 a 4.637 estudantes de primeiro ano no presente curso, o que representa un aumento dun 11% no xeral, pero mais dun 38 % nos datos do Campus de Lugo”, engadiu López.

No capítulo de investigación, o reitor subliñou a “aposta reiterada por estruturalizar as relacións laborais e tamén o financiamento da investigación, para que non dependa case en exclusiva de fórmulas subvencionais”. Neste senso, salientou “o pioneiro acordo” coas representacións sindicais para crear modalidades contractuais como as de investigadores distinguidos que superen todas as dificultades xeradas pola contratación por obra e servizo. Robustecer as infraestruturas de investigación, moitas veces a través de fórmulas interuniversitarias, foi outro dos horizontes debuxados por Antonio López quen apelou tamén á “unión arredor da USC”. López puxo ademais en valor o Plan de financiamento para o quinquenio 2022-2026, consensuado entre a Xunta de Galicia e as tres Universidades, ao que se referiu como “claro e previsible” e que contempla unhas dotacións directamente vinculadas ao plan de 2.457 millóns de euros para os vindeiros cinco anos. O reitor tamén se referiu ao proxecto de Cidade da Saúde, que albergará as facultades de Farmacia e Enfermaría, ademais doutras dotacións para investigación.

Transformación dixital

Outro eixo estratéxico de futuro ten que ver coa transformación dixital, no marco da segunda axenda dixital europea coa vista posta en 2030, e que pretende que todos os servizos públicos esenciais deben estar dispoñibles en liña. “Se algo bo nos deixou a pandemia foi o salto acelerado na implantación de novas tecnoloxías, tanto equipamentos como novas solucións de software que afectan a toda a actividade universitaria dende a docencia ata as relacións administrativas. É o momento de sacar o máximo proveito destas capacidades para implicarse nun proceso de transformación dixital tamén na Universidade”, engadiu o reitor. “É esta unha aposta que nos obrigara a repensar todos os nosos procedementos, incorporando todo o bo que se deriva das novas tecnoloxías, sen renunciar á esencia do que somos e queremos seguir sendo: unha universidade presencial”, destacou.

Estrutura do acto

A sesión estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto a quen tamén estiveron presentes os reitores da Coruña e Vigo, Julio Abalde Alonso e Manuel Reigosa Roger, respectivamente; e a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey. O conselleiro lembrou que a USC está a ser un claro exemplo de “captación de talento, diversidade pedagóxica e de especialización formativa”.

A sesión comezou coa lectura por parte da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, dos cesamentos das vicerreitoras e vicerreitores e do nomeamento do novo reitor, quen a continuación pronunciou o seu discurso. O acto proseguiu co nomeamento da secretaría xeral da Universidade e continuou co nomeamento do novo equipo de goberno integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Francisco Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; e Dulce García Mella, secretaria xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2022.