Apertura do Centro Yuzz Santiago de Compostela de apoio e financiamento para ideas de negocio
O Edificio Emprendia da Universidade de Santiago albergará a partir deste mércores 18 un Centro Yuzz, un espazo de traballo, formación gratuíta e titorización personalizada aos mozos e mozas seleccionados polo programa YUZZ ‘Jóvenes con ideas’ que impulsa o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) coa colaboración da Xunta de Galicia e a rede universitaria RedEmprendia, e o mecenado de Banco Santander. O novo centro inaugurarase este mércores 18 ás 17.00 horas coa presenza do reitor Juan Viaño; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o presidente de RedEmprendia, Senén Barro; o delegado territorial de Banco Santander, Pablo Berdiel; e a presidenta da Delegación de Secot da Coruña, unha das empresas que apoian o proxecto, Áurea López. Intervirá ademais Víctor Rivas Capeáns, un dos mozos seleccionados polo programa o pasado ano co seu proxecto E-Monte. Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento nestes centros –son máis de 40 en toda España–, os mellores de cada un deles viaxarán a Silicon Valley, a meca mundial de innovación no ámbito das novas tecnoloxías, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores. Ademais, os tres mellores proxectos de todo o país recibirán unha dotación económica para axudarlles a poñer en marcha o seu negocio: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro.