Ir o contido principal

Unha aplicación informática atopa evidencias de que hai miles de anos varias series de icebergs chegaron ás costas galegas

Persoal do Servizo de Diagnose por Imaxe da Facultade de Veterinaria de Lugo
Persoal do Servizo de Diagnose por Imaxe da Facultade de Veterinaria de Lugo
A ferramenta foi desenvolvida por investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo, da Facultade de Ciencias do Mar de Vigo e da Fundación Idichus

A colaboración puntual entre os membros de tres grupos de investigación que traballan en ámbitos tan distintos como as ciencias do mar, a física e a veterinaria acabou converténdose nunha ferramenta informática capaz de interpretar o pasado climático e oceanográfico das costas galegas. Bautizado como anidoC 1.0, este novo software emprega técnicas de diagnose médica, como o TAC, para recoñecer sinais que indican os cambios climáticos que sufriu a Terra durante a última glaciación. Entre outras evidencias, anidoC achega (sen ter que recorrer á metodoloxía clásica, máis custosa e laboriosa) múltiples sinais de que hai varios miles de anos –entre 15.000 e 60.000– chegaron ás costas galegas varias series de icebergs. O proxecto comezou cando investigadores do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo se puxeron en contacto con persoal da Facultade de Veterinaria de Lugo e, máis concretamente, co Servizo de Diagnóstico por Imaxe do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, onde dispoñen dun TAC médico, similar ao que se usa para as persoas pero, neste caso, para animais. “Empregamos o TAC para pasar por el unhas sondaxes de sedimento mariño”, apunta o investigador Anxo Mena, que explica que boa parte do labor investigador do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica se dirixe a estudar a oceanografía de Galicia dos últimos 60.000 anos. Creado de forma colectiva, este software conta con seis autores, xa que xunto a Anxo Mena (e o profesor Guillermo Francés, de mesmo grupo), asinan o rexistro Alfredo Iglesias, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, e os investigadores da USC Pablo Aguiar (do Servizo de Medicina Nuclear da Fundación Idichus), e José Daniel e Andrés Barreiro, do Servizo de Diagnóstico por Imaxe da Facultade de Veterinaria. Análise “médica” dos sedimentos Ao comezo da colaboración (hai arredor de tres anos), os investigadores decatáronse de que a cantidade de datos que se xeraban co TAC era moi grande, polo que non era sinxelo traballar con eles. “Nós usamos un programa médico para facelo pero, aínda así, non era suficiente para aproveitar todo o potencial que tiñan os datos”, apunta Mena, que explica así como xurdiu a necesidade de deseñar un programa de ordenador que facilitase estas tarefas. Unha vez finalizados os primeiros traballos, o equipo encargouse de corroborar, “seguindo métodos clásicos”, todos os resultados acadados e, tras comprobar que non había erros, constatouse que o programa e a metodoloxía do TAC “eran técnicas complementarias á metodoloxía clásica moi boas” , engade Mena, ao tempo que explica que hai moi poucos traballos que usen esta tecnoloxía de diagnose médica en estudos do sedimento. Analizar sen destruír Nos últimos anos véñense desenvolvendo novas técnicas para a análise de rexistros mariños que ofrecen información para interpretar o pasado climático e oceanográfico. O enfoque multidisciplinar co que se están estudando os rexistros oceánicos fai que a cantidade de sedimento neecsario para obter os diferentes parámetros sexa cada vez menor e así poder levar a cabo maior número de análises, posto que a cantidade de sedimento é limitada e, en moitos casos, require dun importante esforzo económico para a súa obtención. Neste sentido son de especial relevancia as técnicas chamadas non destrutivas, e aquí é onde se enmarca o desenvolvemento do software Anidoc, co que se pode analizar o sedimento sen necesidade de destruílo, xa que permite realizar unha análise preliminar dos rexistros oceánicos sen necesidade de abrir e alterar o rexistro en si.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2012.