Unha aplicación permite avaliar a motricidade de nenos e nenas e detectar posibles problemas

Alfamov é o nome dunha aplicación dirixida a avaliar se os nenos e nenas de primaria desenvolven correctamente as chamadas habilidades motrices básicas, como correr, saltar, agarrar ou lanzar, así como detectar en que aspectos concretos o seu grao de desenvolvemento se sitúa por debaixo do acorde á súa idade. Desenvolvida por investigadores das universidades de Santiago e Vigo, esta app é o resultado final dun proxecto de investigación seleccionado na convocatoria Retos, do Ministerio de Ciencia e Innovación, que pon o foco na “alfabetización motriz” dos nenos e nenas, o proceso de adquisición serie de habilidades que contribuirán a que teñan posteriormente un estilo de vida activo. “Un desenvolvemento non adecuado destas habilidades motrices relaciónase xeralmente con baixos niveis de actividade física e altos niveis de obesidade e sobrepeso”, salientan os investigadores da USC e da UVigo, Cristian Abelairas e Ezequiel Rey, responsables do proxecto.
A través desta ferramenta, gratuíta e dispoñible para os sistemas operativos iOS e Android, búscase que tanto o profesorado de Educación Física como outra serie de profesionais relacionados coa infancia poidan avaliar “dunha forma fiable e áxil” o correcto desenvolvemento desas habilidades, así como “coñecer cales son os problemas concretos” que neste eido pode presentar un neno ou nena, explican. “Antes, a Organización Mundial da Saúde (OMS) destacaba a importancia de moverse moito, pero na actualidade fala non só de moverse moito, senón tamén de moverse ben”, engade este profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide na importancia que ten aprender durante a infancia a correr, saltar, trepar ou lanzar unha pelota correctamente de cara a xerar estilos de vida saudables na etapa adulta. Nese senso, poñen o acento en que “as novas xeracións teñen peor desenvolvidas as habilidades motrices básicas”, por mor dos “cambios de estilo de vida” e no tempo de ocio, “que hoxe pasa por dedicarlle moito máis tempo ás pantallas”, o que fai deste un tema importante, dada “repercusión que teñen as habilidades motrices sobre a obesidade infantil e todas as enfermidades asociadas”. Contribuír, a través desta app, ao seu adecuado desenvolvemento constituía nese senso o obxectivo central do proxecto Alfabetización motriz e estilos de vida saudables. Desenvolvemento dunha ferramenta informática da competencia motriz en nenos e nenas en educación primaria, no que, xunto a Rey e Abelairas, participaron os integrantes do grupo Remoss da UVigo Roberto Barcala e Cristina Varela e os investigadores e investigadoras da USC Carmen Neiro e Aida Carballo, do grupo Clinirsud, e José Eugenio Fernández, do grupo Esculca.
Da avaliación xeral á detección de problemas concretos
Coa idea de que poida empregarse “dun xeito moi áxil nun contexto escolar”, sen necesidade de instrumentos específicos para realizar as medicións, Alfamov baséase na gravación en vídeo da realización dunha serie de tarefas dirixidas a constatar o grao de desenvolvemento destas habilidades. Estes vídeos, explican, “quedan almacenados na nube para que o profesor poida consultalos cando queira para puntuar ou para comparar”, así como para revisalos posteriormente e analizar como está a evolucionar o alumnado. A partires da gravación das tarefas propostas, no momento da súa avaliación a app presenta unha serie de “criterios fáciles de observar” e aos que cada usuario ou usuaria ten que ir respondendo afirmativa ou negativamente para obter “unha avaliación, tanto global como específica da mobilidade”, engaden. “Por exemplo, nun salto vaiche preguntando se flexiona os xeonllos 90 graos ou non, se balancea os brazos con forza cara adiante ou non, se cando se impulsa faino cos dous pés simultaneamente...”, de tal xeito que permite coñecer tanto se o desenvolvemento destas habilidades nun neno ou nena “é a acorde a súa idade ou se está por debaixo e canto”, como detectar cales serían aqueles posibles “problemas concretos da súa mobilidade”, de cara a definir as tarefas que poidan ser necesarias.
Nese senso, aínda que se trata dunha app dirixida a docentes de Educación Física, Alfamov foi deseñada coa idea de que “poida chegar ao maior número de persoas”, podendo resultar de utilidade, como sinala Rey, para adestradores e técnicos deportivos, persoal de atención primaria e profesionais do eido sociosanitario que traballan coa infancia, ou mesmo para que “pais e nais poidan utilizala cun pequeno titorial que estamos desenvolvendo”. Con esa idea, a aplicación verase acompañada dunha web con información do proxecto e de diferentes materiais divulgativos sobre o seu funcionamento, á vez que o equipo investigador traballa tamén na súa difusión en congresos e publicacións científicas de pediatría.
Avaliación previa
O proceso de traballo que deu lugar a esta aplicación implicou en primeiro termo a definición dunha serie de “criterios comúns” sobre como deberían realizarse esa avaliación das habilidades motrices básicas, que se levou a cabo reunindo as opinións, afirman, “dalgúns dos maiores expertos no ámbito a nivel internacional”. Tras a definición deses criterios, realizouse unha avaliación destes criterios con máis de 200 escolares, unha cifra inferior, como recoñecen, á inicialmente proxectada nun proxecto de investigación que arrancou en 2019 e que se viu afectado polas restricións ás que obrigou a covid-19. Nese senso, o persoal investigador recoñece que un dos obxectivos a futuro é tratar de dar continuidade a esta liña de traballo cun novo proxecto que permita “facer unha avaliación a grande escala da motricidade dos alumnos galegos”.