O uso e a aplicación sostible dos produtos fitosantarios centra a temática dun curso de verán da USC

A actualización no relativo á lexislación, normativa, seguridade e práctica en canto a toma de datos e manexo de aplicacións informáticas para a inspección de equipos de aplicación de fitosanitarios serán algunhas das cuestións abordadas no curso de verán da USC ‘ Novidades normativas relativas á aplicación e uso sostible de produtos fitosanitarios’, que se desenvolverá do 20 ao 22 de xullo na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 10 de xullo.
Dirixido polos profesores Desiderio Novoa Piñeiro e Máximo Dugo Patón, este seminario estival pretende achegar a todas as persoas inscritas coñecementos relativos ás particularidades destas prácticas agrícolas en zonas nas que resulta difícil empregar ou facer uso da mecanización para proceder á aplicación de fitosanitarios, tal e como é o caso da Ribeira Sacra luguesa.
A repercusión dos fitosanitarios no medio ambiente e a súa situación no caso de Galicia, a previsión e control dos riscos laborais no sector e a disposición de maquinaria acaída para a aplicación deste tipo de produtos serán algunhas das cuestións sobre as que disertarán os relatores convidados a participar neste foro, que tamén inclúe un relatorio sobre normativa e manual de inspeccións, así como unha visita a Monforte de Lemos, onde se desenvolverá unha táboa redonda sobre tratamentos con fitosanitarios na que intervirán viticultores do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.