Ir o contido principal

A APLTA aposta pola economía circular a través dunha xornada sobre valorización de subprodutos da industria alimentaria

Imaxe de arquivo da APLTA
Imaxe de arquivo da APLTA
Os relatorios terán lugar o 5 de novembro, a partir das 16.30 horas
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC acolle por segundo ano a Xornada de Transferencia sobre valorización de subprodutos da industria alimentaria. A economía circular é a cerna desta xornada financiada pola Deputación Provincial de Lugo e organizada por Patricia Cazón, investigadora da USC, que se desenvolverá o 5 de novembro ás 16.30 horas. Por cuestións de organización, cómpre inscrición previa para asistir en rebeca.carballo [at] aplta.es (rebeca[dot]carballo[at]aplta[dot]es).

“A preocupación polo medio ambiente está a transformar a maneira en que producimos e consumimos. A necesidade de reducir o impacto ambiental da industria, cumprir coa normativa sobre residuos e emisións, e responder á demanda social por produtos máis sostibles converten a valorización dos subprodutos agroalimentarios nun tema de máxima actualidade”, explica dende a organización do evento. Máis que un reto, é unha “oportunidade para innovar e crear valor: transformar o que antes se consideraba desperdicios en novos produtos para a alimentación, a enerxía, a cosmética ou a agricultura”, sinalan.

Na segunda edición desta xornada de transferencia, catro investigadores presentarán os seus proxectos máis salientables sobre revalorización de residuos e subprodutos agroalimentarios. A través das súas charlas coñecerase como é posible converter estes materiais en ingredientes con propiedades tecnolóxicas e comproborase que a investigación é clave para avanzar cara a unha industria máis xusta, eficiente, sostible e innovadora.

Programa

Miguel Cerqueira, investigador no International Iberian Nonotechnology Laboratory (INL) e líder de proxectos enfocados no desenvolvemento de novas tecnoloxías e materiais destinados a acadar sistemas alimentarios máis sustentables e saudables, ofrecerá o relatorio titulado ‘Envases activos como estratexia para manter a calidade dos alimentos’. Marta Lores, catedrática de Química Analítica na USC e directora científica de i-Grape, spin-off universitaria dedicada ao aproveitamento de subprodutos vitivinícolas para obter extractos naturais de alto valor engadido, fará a súa intervención sobre ‘Ingredientes multifuncionais baseados en bagazo de uva branca’.

‘Uso de patacas de refugo para obter transglutaminase e mellorar os produtos do mar’ é o título da charla de Manuel Vázquez, catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos na USC, referente en biotecnoloxía alimentaria e especializado na produción de aditivos e no desenvolvemento de materiais biodegradables para envasado. Laura Abuín, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e técnica superior de investigación na APLTA, e Antonio souto, investigador predoutoral da USC, achegarán un enfoque práctico sobre o aproveitamento dos produtos na industria alimentaria salientando unha das liñas de investigación levadas a cabo no centro onde as algas son as protagonistas no relatorio ‘Novas oportunidades de investigación na APLTA: valorización das algas como ingrediente alimentario’.

Con este evento, a USC quere poñer en valor o talento investigador que se xera en Galicia e amosar como pode transformarse en solucións reais e innovadoras para a sociedade. O obxectivo é favorecer o diálogo e a colaboración entre a comunidade científica e o tecido empresarial, creando pontes que impulsen o desenvolvemento dun sector produtivo máis sostible, competitivo e baseado no coñecemento.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2025.