Ir o contido principal

Aprendendo a ensinar a Historia

Aprendendo a ensinar a Historia
Aprendendo a ensinar a Historia

Os principais expertos mundiais nas áreas do ensino e da didáctica da historia reúnense desde este mércores e ata o 2 de xullo na Escola de Relacións Laborais no I Congreso Internacional sobre Ensinanza da Historia ‘Pensar historicamente en tempos de globalización’. O encontro inaugurouno o reitor da USC, Juan Casares Long, a quen lle seguiu Joaquim Prats, da Universidade de Barcelona, coa conferencia ‘A investigación en didáctica das ciencias sociais en España e Iberomérica’. Os problemas relacionados co ensino e a aprendizaxe da historia adquiriron unha crecente importancia en gran parte do mundo actual, dando lugar á construción dun campo específico de coñecementos e á formación de comunidades de investigadores tanto en España como noutros países. En opinión dos organizadores, o profesorado de historia recibiu ata agora unha formación académica excesivamente disciplinar e, en gran medida, carece de habilidades tecnolóxicas e coñecementos pedagóxicos actualizados. É por iso que este evento académico pretende abordar algúns destes retos e poñer en común experiencias e reflexións coa participación de relatores de Alemaña, Arxentina, Brasil, Canadá, España, Francia, Italia, Marrocos, e Suíza. Programa Esta primeira xornada contempla unha mesa redonda pola tarde sobre os manuais de historia. Rematará coa lectura de comunicacións, das máis de sesenta presentadas, relacionadas con investigacións do ensino das ciencias sociais. Xa o xoves, na sesión da mañá analizaranse os casos canadense, marroquí, suízo e francés. Pola tarde haberá unha mesa redonda, titulada ‘Memorias conflitivas e ensino da historia’, na que participarán Gonzalo de Amézola, Lana Mara, Castro Simán, Mostafa Hassani Idrissi e Víctor Santidrián. Como remate, as comunicacións tratarán experiencias e propostas para o ensino da historia. O venres será a quenda de expertos de Brasil, Arxentina, Barcelona e da USC, con comunicacións relacionadas coa xenealoxía, o presente e o futuro da ensinanza da historia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2010.