Aprender a fotografar a natureza

A Fundación USC Deportiva organiza para os días 22 e 24 de febreiro e 1 de marzo un curso de Fotografía de Natureza impartido por Andrés Fraga na propia sede da entidade organizadora. Paisaxe, fotografía de espera e caza fotográfica de fauna, macro e fotografía de vexetación serán os temas a tratar nas tres sesións: unha teórica, unha saída de campo e unha última de visualización das imaxes realizadas durante o curso, que busca que o alumnado afeccionado a saír ao monte coa súa cámara coñeza as pautas básicas da fotografía de natureza, dende a de paisaxe á de plantas e animais. Sempre a través de imaxes ensinaranse as técnicas máis utilizadas, das que algunhas se poderán aplicar na próxima saída que fagan ao monte e outras, as máis complicadas, servirán para entender como se fan as que se ven a diario en revistas ou Internet. Andrés Fraga leva máis dunha década traballando como fotógrafo profesional en medios como El País e varias revistas estranxeiras, e realizou reportaxes ao longo de Europa, América, China ou o Sáhara. Afeito a resolver en situacións complicadas, traballou en condicións tan diversas e adversas como unha selva tropical, a -25Cº en plena ventisca de neve, ou baixo o sol implacable do deserto. Compaxina o seu traballo como fotógrafo coa docencia, impartindo cursos e conferencias. Foi un dos membros do proxecto 6MPasos, que no 2010 o levou a percorrer a pé os 6.000 quilómetros que separan Nordkapp (Noruega) e Santiago de Compostela. Inscrición
Cun custe de 85 euros e unha duración total de 14 horas, o curso dispón de 12 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición, na web da Fundación, en twitter (@USCdeportiva) ou Facebook (https://www.facebook.com/fundacionuscdeportiva).