Ir o contido principal

Os árbitros analizan as particularidades do seu rol no segundo Congreso Internacional sobre fútbol e psicoloxía

As sesións de comunicacións libres coas que comezará ás 9.00 horas o programa do mércores 28 do II Congreso Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía terán como fío condutor a análise dos estados de ánimo e a observación e análise do xogo. A continuación, entre as 10.30 horas e as 12.00 horas, será a quenda dunha sesión sobre adaptación e rehabilitación psicolóxica que coordina a psicóloga do RC Deportivo da Coruña, Marisol Arias. O programa matinal rematará falando de metodoloxía do adestramento, bloque temático que coordina Toni Ardá e no que intervirán, entre outros, Eduardo Covelo do RC Celta falando das liñas mestras do departamento de metodoloxía deste club de primeira división.

Pola tarde, de 16.00 a 17.30 horas, logo das específicas de xestores e xogadores, está programada unha mesa de debate centrada no papel da arbitraxe, na que tomarán a palabra os árbitros Bernardino González, Ignacio Iglesias, David Pérez e Rubén Eiriz. No apartado dos obradoiros específicos, están previstos os de adestramento de porteiros, técnicas de respiración e o de neurotraining no fútbol, entre outros.

O Congreso
Do luns 26 ao venres 30 a Universidade de Santiago acolle a segunda edición do Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía, evento que “representa un paso histórico na análise do fútbol, do seus protagonistas e do seu entorno dende unha perspectiva científica, racional e universitaria”. Con estas palabras o coordinador do congreso, o profesor Constantino Arce, destaca a transcendencia do encontro, “unha idea innovadora da USC e a Federación Galega de Fútbol”, que ademais posúe carácter pioneiro xa que “non temos constancia de que existan antecedentes dunha acción formativa semellante realizada de maneira conxunta e coordinada entre unha universidade e unha federación de fútbol”.

O segundo Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía pretende facer transferencia directa de coñecemento da universidade ao entorno do fútbol co ánimo de axudar a mellorar os niveis de rendemento, de benestar e satisfacción dos adestradores, xogadores, equipos directivos, arbitrais e familias. Para acadar os seus obxectivos exporanse preto dun cento de relatorios, 22 pósteres e 20 obradoiros. En total, acuden a Santiago expertos, investigadores e profesionais de nove países (España, Portugal, Arxentina, Colombia, Perú, Brasil, México, Estados Unidos e Cabo Verde), e estarán representadas 36 universidades e 35 clubs de fútbol.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2017.