Ir o contido principal

A Área de Deportes propón para abril unha nova ruta de sendeirismo entre Olveiroa e Ézaro

A Área de Deportes propón para abril unha nova ruta de sendeirismo entre Olveiroa e Ézaro
A Área de Deportes propón para abril unha nova ruta de sendeirismo entre Olveiroa e Ézaro

19 quilómetros de lonxitude, cun desnivel e grao de dificultade medio -sobre todo de baixada- . Este é o perfil da ruta de sendeirismo que a Área de Deportes da USC ten planificado para este mes de abril a discorrer entre Olveiroa e Ézaro. A inscrición xa se pode formalizar na oficina de Deportes, na Piscina Universitaria ou a través da páxina web de Deportes. A ruta comeza en Olveiroa, parroquia do concello de Dumbría, en terras do Xallas, lugar de paso obrigado para os peregrinos que se dirixen a Fisterra e Muxía. Emprazamento que destaca polos importantes traballos de restauración en casas e hórreos ou pola igrexa de Santiago, mostra aos visitantes un importante elemento etnográfico pouco coñecido, as lacenas para as abellas. No seu percorrido, a ruta marca o camiño por lugares de interés como a Pedra Brazal ou a aldea de Xestosa. Durante gran parte do itinerario, os camiñantes terán como referencia o río Xallas e os seus encoros, aínda que o camiño transita por zonas altas. Outro elemento que axudará á orientación será o monte Pindo, visible ao lonxe. Neste senso, o punto máis alto da ruta sitúase nos montes de Buxantes, a case 500 metros de altura, ofrecendo unha instantánea na que se mesturan mar, o cabo de Fisterra e a ría de Corcubión. Na parte final atópase o descenso ata O Ézaro, onde rematará a xornada ao pé da súa famosa fervenza, que polas súas características é única en todo o continente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2012.